Foz abre a nova tempada de baile dos domingos
O Concello de Foz, en colaboración con Sanbet Agencia, estrea nova tempada do Baile dos domingos na Sala Bahía. En horario de 20 a 23 horas e cun prezo de cinco euros, esta semana actuará La Clave. O día 13 de outubro será a quenda do dúo Maracaibo, o día 20 actuará o dúo Venus e o 27 pechará Carlos Manteiga o mes de outubro. A concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo, asegura que é "unha actividade de divertimento, moi motivadora e gratificante para eles, onde ademais de facer exercicio físico con baile, escoitan música, interactúan e se relacionan. É a mellor das terapias para o seu benestar, físico, mental e emocional, a ben chamada bailoterapia".
Dende o Concello queren fomentar unha participación proactiva das persoas maiores, "un espazo de encontro onde poidan ampliar moitas das veces o seu círculo social, evitando así o sedentarismo, a soidade, que moitas das veces son a porta de entrada da depresión e da tristura. Animámolos a participar, a desfrutar da tarde noite do domingo na nosa Sala Bahía, deixando a un lado os problemas”. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, destaca o traballo da concelleira Ana Rojo e das actividades que programa para un colectivo cada vez máis activo.
“Estamos moi satisfeitos de poder ofrecer unha ampla oferta de actividades. Non falamos só dos bailes, a concelleira Ana Rojo está ultimando tamén a variada programación dos cursos de inverno, tanto no casco urbano como nas parroquias. Temos cine, que nos chega da man de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e unha ampla programación teatral disposta pola Concellería de Cultura de Inés López Couto coa obra Testosterona, de Malasombra Producciones, programada para este venres 4 de outubro ás 20.30 horas na Sala Bahía". Ademais comezan co teatro nas parroquias e esta fin de semana poderemos desfrutar da obra A inmortal, da Asociación Cultural O Pedroso, o sábado 5 ás 19 horas na
Escola de Fazouro e o domingo 6, tamén ás 19 horas, no centro social de Cangas.