Forus Foz volve para impulsar un debate cidadán sobre o municipio

Por Ana Somoza.
“Hai que empurrar polo noso pobo e non despistarse, porque cando nos despistamos pasan cousas”, advirte José María García Rivera, presidente e voceiro do Foro Rural Urbano e Social, coñecido como Forus Foz. O colectivo, que durante un tempo permaneceu inactivo, decidiu volver á actividade para poñer enriba da mesa cuestións que, ao seu xuízo, están sendo mal xestionadas no ámbito local e comarcal. A asociación, legalmente constituída desde hai anos e con orixe no 2009, naceu ―como lembra o seu presidente― “coa idea de mellorar o que temos e de propoñer alternativas sensatas, sen buscar enfrontamentos políticos pero tampouco quedando calados ante o que non funciona”. A súa traxectoria, di, ten unha clara motivación social: “Forus Foz non é un grupo para facer ruído, senón para pensar o que lle convén ao pobo.”
RETOMAR O PROXECTO. O regreso do colectivo non foi casual. “Eramos un grupo moi ben avindo, e volvemos xuntarnos porque estamos vendo cousas que non nos gustan no tocante ao municipio e á comarca en xeral”, explica García Rivera, quen foi alcalde socialista de Foz entre 1995 e 2011. Esa experiencia, recoñece, dálle unha visión ampla do funcionamento da administración local: “Cando estiveches ao outro lado da mesa sabes como se toman as decisións e tamén o que se perde cando non se fai nada.” Forus volve con dez membros activos e un obxectivo claro: analizar con espírito crítico os problemas de Foz e propoñer solucións prácticas. “Queremos facer un labor construtivo”, subliña o presidente, “porque o que está pasando é que se discute moito e se resolve pouco.”
A RESIDENCIA, UN TEMA CENTRAL. Un dos asuntos que máis preocupa a Forus Foz é a situación da residencia de maiores. “Non nos gustou nada o que se fixo mentres se discutía das normas e das formas de pago”, di García Rivera. “Perdeuse o tempo en cuestións secundarias mentres non se daba o paso de facer unha residencia máis grande, con prazas suficientes.” Desde o colectivo entenden que a competencia é da Xunta, e reclaman que se actúe: “Tiña a obriga de dotarnos dunha residencia en condicións, e mentres tanto ninguén reclama nada porque están enfrascados en se as familias teñen que pagar máis ou menos.” A residencia actual, engade, “é unha miniatura que non responde ás necesidades dunha poboación cada vez máis envellecida.”

MANCOMUNAR. Outro punto clave na súa axenda é o dos servizos públicos. O presidente de Forus pregúntase “por que hai tantas empresas diferentes para recoller o lixo, o vidro, o plástico, os residuos orgánicos... tanto en Foz como no resto da comarca.” A proposta é clara: mancomunar servizos para reducir custos e mellorar a eficiencia. “Xa o pediamos no seu día e volvemos pedilo agora. Se unificamos a xestión, o recibo do lixo sería moito máis barato para todos os veciños”, insiste. Considera que a fragmentación actual non ten sentido e responde máis a intereses políticos que ao beneficio cidadán: “Con dez empresas distintas todo é máis caro, máis confuso e máis lento.”
O ABASTECEMENTO DE AUGA. No mesmo sentido, Forus Foz propón unha solución ambiciosa para garantir o abastecemento de auga en toda A Mariña. “Non entendemos por que non se fai un gran embalse común”, sostén García Rivera. Segundo explica, “os ríos Masma en Foz, o Ouro no Valadouro e o Landro en Viveiro dan para facer un gran depósito que podería abastecer á comarca enteira.” A vantaxe, engade, sería dobre: reduciría os custos e aseguraría o subministro. “A auga podería chegar polo seu propio peso, sen bombas nin sistemas complexos, e ademais evitaríase a perda de toneladas de auga doce cada ano.” A idea é sinxela, resume, “pero para facela hai que ter vontade política e coordinación.”
FISCALIDADE E DESIGUALDADES. Forus tamén manifesta preocupación polas políticas fiscais que, segundo García Rivera, están a beneficiar aos máis poderosos. “A dereita está facendo unha baixada temeraria do IRPF para os que máis teñen, e iso significa que os máis pequenos acaban pagando máis,” afirma. Desde a súa experiencia municipal, lembra como se equilibraban as contas: “Cando nós estabamos no Concello, calculabamos o que se recadaba de lixo, de obras, do Estado… e se faltaban cartos, había que cargalo a esas taxas, porque os ricos non pagan o que deberían.” Por iso, conclúe, “cada vez que baixan os impostos aos que máis teñen, o peso recae nos de sempre.”
O PROBLEMA DA VIVENDA. Unha das grandes preocupacións do Foro é tamén o acceso á vivenda, especialmente para a xente nova. García Rivera denuncia a falta de entendemento entre os grupos políticos: “O tema da vivenda social non se pode usar como arma para arroxar. O Goberno central non pode facer nada se o Concello non lle cede os terreos.” Para el, o debate entre goberno e oposición “é absurdo e enganoso”. Reclama que se senten a negociar con seriedade: “Que non estean xogando cos veciños. Hai que ser serios, falar e sacar o proxecto adiante.”
PARTICIPACIÓN E DIÁLOGO. De momento, Forus mantén o contacto cos medios como principal vía de comunicación. “Estamos a falar a través da prensa, pero iremos avanzando pouco a pouco: primeiro co Concello e despois implicando a outras entidades,” explica o seu presidente. O obxectivo é crear unha rede de colaboración cidadá que poña por diante os intereses comúns. García Rivera insiste en que “os políticos van e veñen, pero o pobo sempre queda”. Por iso, anima á cidadanía a implicarse e a non caer na apatía: “Hai que seguir empurrando polo noso pobo e non perder a vista nunca, porque cando nos despistamos pasan cousas malas ou estrañas.”
O presidente de Forus Foz non fala con acritude, senón cun ton reflexivo e pausado. Sabe do que fala e transmite a experiencia de quen xa viu pasar moitas etapas políticas. “Os concellos teñen que funcionar con planificación e sentido común, non con improvisación,” repite. No fondo, a mensaxe de Forus Foz é sinxela pero contundente: recuperar o diálogo, pensar no conxunto e traballar por un Foz máis xusto e eficiente. “Non queremos substituír a ninguén,” aclara García Rivera, “pero tampouco queremos quedar calados mentres as cousas se fan mal.” Con dez persoas implicadas de novo e coa intención de abrirse á veciñanza, o colectivo confía en que esta nova etapa sirva para “mover algo” no panorama local. “Non imos facer política partidista, imos facer política cidadá,” resume o seu presidente. E engade, con certa nostalxia: “Cando se deixan de facer as cousas co corazón, o pobo perde o rumbo.”