Recolléronse máis de 10.000 quilos de lixo dos fondos mariños do litoral galego

AMariñaXa
As frotas de Celeiro e Burela participaron no proxecto Upcycling the Oceans
porto-de-burela
30 Dec 2024

Recolléronse máis de 10.000 quilos de lixo dos fondos mariños do litoral galego no pasado 2023, no marco dos proxectos Upcycling the Oceans e Mares Circulares. Así o constatou a Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia. Así pois, ambas iniciativas, centradas na recollida non intencionada de lixo durante as tarefas extractivas dos profesionais do mar, fundamentalmente da pesca, permitiron extraer 10.700 quilos de residuos, cun volume total de 108 metros cúbicos por parte da flota que opera nunha decena de portos de titularidade autonómica.

O proxecto Upcycling the Oceans comezou a desenvolverse no ano 2015, e involucra a profesionais do sector pesqueiro tanto en España coma noutros países en Europa, Asia e África. No correspondente a Galicia, participaron neste proxecto as frotas de Celeiro, Burela, Sanxenxo, Combarro e Corme, coordinadas polas confrarías de pescadores correspondentes.

Pola súa parte, o proxecto Mares Circulares iniciouse no ano 2018 nos países da Península Ibérica cos obxectivos de limpar as súas costas, fondos mariños e espazos protexidos; fomentar a reciclaxe e impulsar a economía circular.

ACCIÓNS DE FORMACIÓN

Os datos completos de lixo mariño recollido durante o 2023 serán presentados por Portos de Galicia á Dirección Xeral da Costa e o Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico cun ano de compensación, tal como establece a normativa, á fin de inventariar a composición, abundancia, tendencias, orixes e distribución espacial deste lixo, en cumprimento das directrices da Unión Europea.

Así mesmo, Portos de Galicia continuará fomentado nos próximos exercicios novas iniciativas neste sentido. O ente público manterá a súa colaboración coas fundacións que lideran actualmente ambos proxectos e axudará á súa coordinación cos operadores dos portos autonómicos. Ademais, impulsará accións propias para incentiva a recollida de lixo dos fondos mariños, con especial atención a proposta de formación neste sentido.

0.16519498825073