Formoso presenta dez medidas para facer fronte á situación de emerxencia pola guerra de Ucraína
O líder dos socialistas galegos lembra que hai xa 48 horas que se solicitou unha reunión urxente “cun Feijoo que decidiu, no peor momento dos últimos anos, que a súa prioridade no é este país”. O decálogo recolle medidas como que se triplique o orzamento destinado ao bono eléctrico, rebaixa de peaxes, así como liñas de axudas para compensar a suba dos custes dos combustibles
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, presentou o Plan urxente de medidas económicas e sociais de Galicia. Trátase dun decálogo de medidas co obxectivo de facer fronte a situación de emerxencia derivada da guerra de Ucraína e axudar a superar a situación ás persoas e sectores máis afectados.
Consciente de que “a situación é moi crítica, con sectores estratéxicos moi afectados”, Formoso indicou que con estas 10 medidas “os e as socialistas póñense ao servizo da sociedade galega”. En paralelo, tamén lle reclaman á Xunta “que nos chame e que se sente con nós para poder definir as prioridades e os mecanismos axeitados para que a vida dos galegos e galegas, así como a economía e o emprego, se recuperen na medida do posible”.
Tras incidir en que que a Xunta “está ausente no peor momento do país dos últimos anos”, o líder socialista lembrou que hai xa 48 horas que se solicitou unha reunión urxente “cun Feijoo máis preocupado por amar Madrid que por amar Galicia”. “Decidiu que a súa prioridade non era este país, e faino no peor momento para adoptar esa decisión”, lamentou.
Ante esa falta de resposta, Formoso subliñou que “o PSdeG é un partido de goberno e que entende que ten a obriga moral de aportar a esta situación na que o conxunto da sociedade está pasando carestías”. Enmarcou neste contexto a presentación destas dez medidas no eido social e económico. Entre outras cuestións contemplan rebaixas da fiscalidade e incentivos tanto para aos sectores máis afectados como para as familias que o están a pasar peor ou propostas como que se triplique o orzamento destinado ao bono social eléctrico, co obxectivo de chegar a 15.000 beneficiarios.
Ademais, para a consecución deste obxectivo “ao que todos aspiramos”, Formoso reivindicou a necesaria coordinación co goberno do Estado, “que loxicamente tamén ten que adoptar medidas de moitísimo calado”. Nesta liña, Formoso sinalou que “a mesma esixencia de celeridade que teño coa Xunta tamén a teño co goberno de España”.
Finalmente, lembrou que algúns dos sectores afectados, como o dos transportes, “son os mesmos aos que aplaudiamos e admirabamos cando poñían en risco a súa vida para que tivésemos respiradores nos hospitais ou mascarillas nas nosas casas”. “Agora”, subliñou, “están a cortar estradas solicitando medidas para poder manter ás súas familias”.
Por iso, tras remarcar que “deben ser a nosa prioridade”, Formoso apuntou que a cidadanía “vai entender que suspendamos calquera outro investimento, por moi importante que sexa, para tratar dignamente aos colectivos que levan dando a súa vida xeración tras xeración para que poidamos ser unha sociedade de progreso”
PLAN URXENTE DE MEDIDAS ECONÓMICAS E SOCIAIS DE GALICIA
- Redución das peaxes das autoestradas de titularidade autonómica. Baixada das tarifas nun 75% para os profesionais do transporte e nun 50% para o resto dos usuarios. Impulsar que o Goberno de España negocie coas concesionarias, nomeadamente a da AP-9, unha baixada similar nas autoestradas de titularidade estatal.
- Rebaixa nas taxas da ITV (competencia da Xunta de Galicia). Redución das tarifas da inspección técnica de vehículos nun 75% para os profesionais do transporte e nun 50% de media, con carácter progresivo, para o resto dos usuarios.
- Plan de axudas dirixidas a autónomos e profesionais para compensar o aumento de custes do transporte. Posta en marcha dunha liña de axudas urxentes para axudar a costear a alza dos combustibles nos sectores da pesca, da agricultura e a gandería. Colaborar co Goberno de España para rebaixar a imposición sobre hidrocarburos, ben mediante a actuación sobre o Imposto Especial de Hidrocarburos, ben mediante a aplicación dun IVA a tipo reducido.
- Impulsar o cambio na regulación do mercado eléctrico que faga posible desvincular o prezo da enerxía eléctrica para familias e empresas do prezo do gas, facendo posible unha rebaixa significativa do custe da electricidade, así como demandar a redución das peaxes na rede eléctrica e de gas.
- Identificación e impulso lexislativo para determinar, por parte da Xunta de Galicia, os proxectos estratéxicos dirixidos a elevar a autosuficiencia enerxética a baixo custe tanto para ámbito doméstico como para o aprovisionamento industrial. Impulsar dende a propia Administración autonómica un instrumento financeiro de participación e liderado no desenvolvemento de proxectos estratéxicos, como ocorreu con Reganosa.
- Redución das tarifas portuarias nun 75% tanto no que se refire a Portos de interese xeral como aos xestionados pola Xunta de Galicia.
- Modificar os Orzamentos da Xunta de Galicia para aprobar un plan social de axudas ás familias máis vulnerables, triplicando a partida orzamentaria dedicada ao bono social eléctrico, pasando de 1,9 a 6 millóns de euros, o que permitía incrementar de 5.000 a 15.000 o número de familias vulnerables beneficiarias.
- Reformulación da Tarxeta Básica da Xunta coa finalidade de incorporar nesta prestación ás familias de refuxiados procedentes de Ucraína.
- Demandar da Xunta unha redución no tramo autonómico do IRPF para aquelas persoas non obrigadas a presentar a declaración da renda, pero cuxos ingresos si están suxeitos a retención e negociar co Estado unha rebaixa paralela.
- Que a Xunta, a través do IGAPE, habilite un fondo de avais e de liquidez que garanta a viabilidade de empresas afectadas polo peche de mercados en Rusia e Ucraína, sempre vinculado a que non haxa despedimentos. Colaborar coa rede exterior na identificación de novos mercados para o aprovisionamento de cereais e outras producións que poden ver interrompido o subministro a causa da guerra.