“FOLLAS NOVAS” N.º 9

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
13 Sep 2025

Por Julia M.ª Dopico Vale y Piñeiro.

“Non follas novas; ramallo de toxos e silvas sós: irta coma as miñas penas; feras coma a miña dor…”. Rosalía de Castro é máis ca a “figura máis representativa da literatura galega” ‒apunta Carvalho Calero‒, dada a universalidade que a sitúa xunto cos grandes nomes da lírica europea romántica e posromántica, sendo a súa obra traducida ás principais linguas do mundo e expandindo así a voz do noso pobo e a súa saudade máis alá do sentimentalismo, a través dunha lírica introspectiva que busca radical e angustiadamente o sentido da existencia.

Con ela, o “tempus perfectus do Rexurdimento” complétase coas voces de Pondal e Curros tras os mal entrañados “Séculos Escuros” que silenciaron mesmo a nosa lírica trobadoresca, a maior contribución peninsular á historia de Occidente. Hoxe, coma sempre, Rosalía volve ser noticia, xa que este luns 15 de setembro a “Agrupación Cultural Alexandre Bóveda” presentará o n.º 9 da “Revista Follas Novas de estudos rosalianos”, cuxo nome fai referencia ao poemario publicado en 1880. Porén, trátase dunha publicación contemporánea que afonda e divulga o seu legado literario e cultural grazas, principalmente, á Fundación Rosalía de Castro.

A temática central é a relación da autora con Portugal. Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, Xosé Luís Axeitos, director da publicación, Pilar García Negro, membro do consello de redacción, e Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, estarán presentes na presentación do exemplar que reúne artigos asinados por investigadores galegos e portugueses, un retrato da autora realizado por José de Brito, datos sobre a homenaxe que se lle rendeu no Porto en 1954 ou a súa vinculación coa cidade da Coruña, onde se ergue o Teatro Rosalía en recoñecemento e honra súa.

Proximamente, este teatro será sede do sentir “rosaliano” en voz de Amancio Prada, que nos traerá en estado puro os caudais da súa voz poética feita canción.

 

⚙ Configurar cookies
0.19435906410217