Folga pola dignidade da Atención Primaria os días 9, 10 e 11 de abril

TerraChaXa | AMariñaXa
7 Apr 2019

O sindicato nacionalista, CIG Saúde A Mariña, apoia e participará de xeito activo na folga da que é convocante, entre outras organizacións, para os días 9,10 e 11 de abril pola dignidade da Atención Primaria.

"A Atención Primaria atópase nunha grave situación de perigo provocado pola sobrecarga de ter que atender cada vez máis pacientes, que cada vez son máis complexos, con menos recursos" aseguran dende o sindicato. No ano 2007 a administración sanitaria acordara con sindicatos e profesionais da Atención Primaria a posta en marcha do Plan de Mellora, que pretendía dotar de recursos materiais e humanos á Atención Primaria para que puidera facer fronte a un dos grandes retos do futuro, o incremento da esperanza de vida e a xestión dos pacientes con patoloxías crónicas.

No ano 2009 este Plan de Mellora foi paralizado sen chegar a consolidar as prazas de profesionais xa orzamentadas. A partires deste momento comezou un cambio na política sanitaria que marxinou á Atención Primaria, chegando a desaparecer a súa estrutura de dirección coa creación das Estruturas Organizativas de Xestión integrada (EOXI) claramente centradas na atención hospitalaria. A recente modificación da Lei de Saúde non fixo máis que consolidar este modelo.

A central nacionalista asegura que o novo plan presentado polo Partido Popular “non responde ás demandas urxentes” reclamadas por diferentes colectivos da Sanidade Pública galega e engade que está trufado de “ambigüidades e non concreta prazos” para a súa execución. Por outra parte, tampouco prevé a recuperación das xerencias de Atención Primaria con capacidade de “decisión, resolución e orzamentos necesarios” para a aplicación das 175 medidas e propón, exclusivamente, un director con funcións de coordinación.

O sindicato teñen cinco grandes puntos a reivindicar e irrenunciables: o aumento progresivo do orzamento para a Atención Primaria, co obxectivo de acadar o 25% do orzamento total da sanidade pública (excluído o gasto farmacéutico) en 4 anos; a modificación das actuais EOXIs creando unha Xerencia de Atención Primaria con capacidade de planificar e xestionar o orzamento e os recursos humanos propios, en pé de igualdade coa Atención Hospitalaria, recuperando as áreas sanitarias suprimidas; poñer fin á política de precariedade laboral de persoal, imprescindible para garantir a calidade da asistencia (nesta liña esixen modificar para mellorar o modelo de contrato acordado na mesa sectorial e denominado "Nomeamento Estatutario Eventual de Continuidade no ámbito do SERGAS"); solucionar o actual conflito dos PACs, garantindo unha prestación asistencial segura e de calidade tanto para pacientes como para profesionais, apoiando as reivindicacións recollidas na súa convocatoria de folga; e reclamar máis persoal en varias categorías como poden ser matronas, odontólogas, fisioterapeutas, PSXs...

Dende CIG Saúde animan a participar masivamente a todas as traballadoras e traballadores e agardan que sexa “histórica”, algo que xa é, apuntan, desde o momento en que é a primeira que se fai na sanidade galega que nun servizo engloba a todos os sectores: médicos, persoal administrativo, matronas, enfermeiras (se ben o sindicato de enfermería SATSE non apoia)..


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.10907006263733