Fogares de A Mariña verán reducida ata un 80 % a factura da luz arredor do parque eólico de Mondigo

AMariñaXa
A compra da instalación por parte de Recursos de Galicia beneficiará a preto de 500 fogares de Ribadeo, Trabada e Barreiros
parque-eolico
17 Feb 2026

A comarca da Mariña lucense sitúase no centro dunha medida pioneira que permitirá abaratar de forma notable o recibo eléctrico a centos de familias. O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, informou de que o Consello analizou o informe presentado por Recursos de Galicia tras formalizar a adquisición do parque eólico de Mondigo por 75 millóns de euros, a primeira instalación en propiedade desta sociedade pública.

A operación terá unha repercusión directa na economía doméstica da contorna: as persoas que residan nun radio de 1,8 quilómetros do parque poderán beneficiarse dunha redución de ata o 80% na súa factura eléctrica. A medida alcanzará arredor de medio milleiro de fogares situados nos municipios de Ribadeo e Trabada, mentres que a liña de evacuación da enerxía, de 4,9 quilómetros, discorre tamén por Barreiros.

O parque, composto por once aeroxeradores e cunha produción anual estimada de 131 GWh, xa se atopa xerando electricidade de maneira regular. Segundo destacou Rueda, trátase do maior esforzo económico realizado ata o de agora nun parque eólico en Galicia co obxectivo de que os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais revertan directamente na veciñanza, en consonancia coa Lei 2/2024 de promoción dos beneficios sociais e económicos destes proxectos.

Desde a Consellería de Economía e Industria, a titular do departamento, María Jesús Lorenzana, subliñou que esta iniciativa garante que o recurso eólico “estea ao servizo da cidadanía”, máis alá da mera produción de enerxía renovable. A titularidade íntegra por parte de Recursos de Galicia permitirá unha xestión orientada ao interese xeral e asegurará que o retorno económico quede no territorio.

Nos vindeiros días habilitarase unha páxina web para que as persoas interesadas poidan tramitar a súa solicitude. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos, o desconto aplicarase directamente nas facturas a través das comercializadoras eléctricas que colaboren co programa, entre elas a propia compañía vinculada a Recursos de Galicia.

A maiores, a Xunta prevé impulsar un plan industrial asociado á instalación para reducir tamén os custos enerxéticos das empresas da contorna. Con esta actuación, o Goberno galego reforza a súa aposta polas renovables na Mariña, combinando produción limpa con impacto económico e social directo na comarca.

⚙ Configurar cookies
0.078984022140503