Financiadas varias actuacións nas tres ARIS de Mondoñedo e Ribadeo

AMariñaXa
A Xunta asigna máis de 775.000 euros ás tres áreas de rehabilitación de Mondoñedo e Ribadeo, por exemplo para axudas aos propietarios
ribadeo pobo centro
12 Aug 2021

Acábase de asignar máis de 755.000 euros aos concellos lucenses de Mondoñedo e Ribadeo co fin de financiar distintos tipos de actuacións nas tres áreas de rehabilitación integral (ARIS) declaradas nestes municipios.

Tras analizar as solicitudes recibidas e tendo en conta o cumprimento de obxectivos de cada concello nas convocatorias anteriores, o Goberno galego resolveu incluír a 22 entidades locais galegas no reparto dos 10,2 millóns de euros dispoñibles para 2021 no marco do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, cofinanciado polo Executivo autonómico e o estatal.

No caso da Mariña lucense, Mondoñedo poderá xestionar case 400.000 euros para actuacións dentro da súa ARI que, ademais, o ano pasado tamén foi declarada Área rexurbe, a primeira de Galicia e a única que xa completou a súa posta en marcha coa sinatura, a finais de xuño, do convenio para a creación do centro de rexeneración urbana. A condición de Área rexurbe, precisamente, foi un dos criterios que se tivo en conta á hora de repartir os fondos para 2021, traducíndose nun reforzo do financiamento asignado a este ámbito concreto.

Así mesmo, apóstase pola recuperación do casco histórico de Mondoñedo e tamén se reflicte na súa inclusión no chamado Programa Rexurbe, unha iniciativa para adquirir inmobles abandonados e rehabilitalos con fins residenciais. Concretamente e ao abeiro deste programa, o IGVS adquiriu 13 edificios neste concello por un importe de 621.000 euros e a mediados do pasado xullo licitou por outros 437.000 euros a redacción dos correspondentes proxectos para proceder á súa rehabilitación.

En canto ao Concello de Ribadeo, no reparto definitivo dos fondos dispoñibles para 2021 correspóndenlle algo máis de 376.000 euros a dividir entre as dúas ARIS para as que, nesta ocasión, solicitou financiamento.

Unha vez resolta a convocatoria deste ano e notificados os beneficiarios, o seguinte paso será asinar convenios específicos con cada un dos 22 concellos seleccionados para que, a continuación, as propias Administracións locais procedan a convocar as correspondentes axudas, ás que poderán optar os propietarios das vivendas e edificios a rehabilitar dentro de cada ARI.

O importe máximo das subvencións dirixidas a particulares e comunidades de veciños é de 24.000 euros por vivenda, sen que poida superar o 50% do orzamento da actuación. En todo caso, chegará ao 85% cando o solicitante teña ingresos inferiores a tres veces o IPREM e cando se acometan actuacións de mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia hai persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

Ademais, os concellos recibirán tamén subvencións para executar pola súa conta actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos no ámbito da ARI, cun importe de ata 2.000 euros por cada vivenda rehabilitada. 

A maiores, a Administración local contará con financiamento para sufragar os custos asociados á oficina municipal de rehabilitación —1.500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra existente—.

0.18403482437134