Finaliza o Festival de Jazz y Blues de Ribadeo coa galega Ángeles Dorrío Band
A décima edición do Festival de Jazz e Blues de Ribadeo rematará esta fin de semana cos concertos da galega Ángeles Dorrío Band, que será o venres, e dos estadounidenses Bridget Bazile New Orleans Gospel Choir, que actuarán o sábado. Nos dous casos o escenario é o auditorio municipal Hernán Naval e empezarán ás 20.00 horas.
Ademais Ángeles Dorrío ofrecerá unha masterclass o venres ás 16.00 horas na Escola Municipal de Música de Ribadeo, dirixida principalmente ao alumnado de dito centro e tamén participarán compoñentes da Coral Polifónica de Ribadeo.
A promotora deste festival, Game Over Productions, explica: “Ángeles Dorrío, cunha extensa carreira artística, participou en traballos discográficos de diversos artistas (Luar na Lubre, Mc Rimas, Carmen Rey, etcétera. Estudou técnica de voz (voice craft) con Helen Rowson e Paul Harrington así como Harmonía, Improvisación e Canto Moderno na Escola-Estudo (Santiago de Compostela) e viaxou ata Londres para completar a súa formación na Guildhall School of Music and Drama. Considerada unha das mellores voces galegas da súa xeración, o R&B, o soul e o jazz corren polas súas veas desde hai máis de 20 anos. Cantante de grupos como a banda internacional VenueConnection (coa que gravou 3 discos), o cuarteto vocal Ejazz (2 veces premio Martin Codax) ou o Coro Sisters in The House, entre moitos outros. En 2013 lanzouse o seu primeiro álbum en solitario, Ten Soul, e en decembro de 2021 Selegna, un E.P. cualificado pola prensa como unha auténtica xoia musical”.