Finaliza a limpeza do tramo urbano do río San Miguel, en Barreiros

AMariñaXa
Estes traballos forman parte dun plan máis amplo para mellorar o centro urbano de San Miguel
rio-san-miguel-barreiros
25 sep 2024

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, xunto co concelleiro de Medio Ambiente e Rural, Dámaso Ratoeira, revisaron os traballos de limpeza e adecentamento realizados polo persoal municipal no tramo urbano do Río San Miguel. Estes labores inclúen a retirada de silveiras e amieiros, así como a eliminación de sedimentos que obstaculizaban o fluxo da auga nas entradas das pontes.

Ana Ermida destacou a complexidade dos traballos debido ás esixencias medioambientais: "Tivemos que realizar estudos e memorias para compaxinar as necesidades sociais e ornamentais coas medioambientais, tal como esixen as autorizacións de Augas de Galicia". Pola súa banda, Dámaso Ratoeira explicou que os traballos non só buscan abrir o leito do río, senón tamén mellorar a súa calidade ambiental, favorecendo unha masa arbórea que non interfira co fluxo da auga e contribúa á biodiversidade.

Estes traballos forman parte dun plan máis amplo para mellorar o centro urbano de San Miguel, que inclúe a instalación de elementos para ocultar colectores de lixo e outras melloras no entorno. A alcaldesa tamén aproveitou para felicitar á veciñanza polas festas de San Cosme e San Miguel, que se celebrarán esta fin de semana.

0.16717290878296