Ferrol e Mondoñedo reforzan a súa irmandade no acto das Pepitas no Teatro Jofre

O Teatro Jofre de Ferrol acolleu un novo acto das Pepitas no que se renovou a irmandade entre Ferrol e Mondoñedo, coincidindo co 20 aniversario deste vínculo institucional. Na súa intervención, o concelleiro de Cultura mindoniense destacou a importancia desta unión, iniciada polos alcaldes Juan Juncal e Luis Rego, como símbolo da Galicia do norte e co obxectivo de sumar esforzos en reivindicacións conxuntas. "Somos un territorio historicamente vencellado desde o punto de vista social, cultural e mesmo económico", lembrou.
O edil de Mondoñedo tamén mostrou o seu apoio público ao Concello de Ferrol para que a Festa das Pepitas sexa recoñecida co distintivo de festa de interese turístico nacional, destacando a súa singularidade e o seu profundo arraigo na cidade e na súa área de influencia.
Co obxectivo de fomentar o turismo de proximidade entre ambas localidades, o concelleiro mindoniense convidou a 60 alumnos de centros educativos de Ferrol a visitar as Covas do Rei Cintolo, un monumento natural único que pode percorrerse en grupos reducidos. A iniciativa busca reforzar os lazos entre Ferrol e Mondoñedo, dúas cidades separadas por apenas unha hora de autovía.