Fernando Suárez demándalle á Xunta colaboración para o traslado dos usuarios do Hospital Asilo de Ribadeo
O alcalde, Fernando Suárez, demándalle á Xunta de Galicia a colaboración, cooperación e compromiso para o traslado dos usuarios e usuarias do Hospital Asilo de Ribadeo, durante o tempo imprescindible das obras que proximamente se realizarán para cumprir coas esixencias da propia administración galego. E solicita que eses traslados se fagan aos centros públicos mais próximos posibles dependentes da Xunta.
O rexedor lembrou que “desde o Concello de Ribadeo levamos varios anos traballando na mellora e na posta ao día en todas as normativas vixentes para que o Hospital Asilo de San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo siga sendo un fogar residencial de calidade para os veciños e veciñas que o precisen. Neste proceso de diálogo e busca de axuda, desde o Goberno Municipal sempre levamos tido a man aberta ao diálogo e á cooperación necesaria con todas as administracións que poidan botar unha man nesta nobre tarefa”.
Suárez Barcia indicou que “desde o Concello de Ribadeo sabemos que estes labores non son competencia municipal, senón autonómica, por mor do que dispón o Estatuto de Autonomía de Galicia no seu artigo 27.23º ao cualificar esta competencia como exclusiva da Comunidade Autónoma, así como da lei galega 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia. Nestas normas indícase que “a atribución ás Entidades Locais de competencias de titularidade autonómica en materia de servizos sociais deberá ir acompañada da transferencia dos medios económicos, materiais e persoais que resulten necesarios para o adecuado exercicio dos mesmos”.
O alcalde ribadense manifestou: “non temos coñecemento que ao longo da historia de autonomía de Galicia, o goberno galego teña aportado apoios materiais ou económicos no mantemento deste Centro, como outros entes como a Deputación Provincial de Lugo si teñen feito. Hai varios anos, os servizos de inspección de Maiores da Xunta de Galicia indicaron deficiencias no cumprimento da normativa deste edificio, chegando a propia Xunta de Galicia a resolver o cese definitivo do Centro (código expte. E-403-C-2), sen ter previsto ou planificado o traslado da totalidade das persoas usuarias a outros centros ou servizos,e por tanto, sen dar alternativa ás persoas que residían no mesmo. Diante desta grave actuación unilateral da Xunta sen buscar alternativas como si ten feito noutros lugares, o Concello seguiu mantendo e apoiando o Centro, a Congregación e os seus traballadores para non deixar ás ducias de usuarios nunha situación de desprotección”.
Fernando Suárez subliñou que “ao longo deste tempo non perdemos un minuto. Redactamos o proxecto de execución de reforma e adaptación do edificio cos criterios que a Consellería de Política Social actualizou na Orde de 12/01/2021 e que ascende a 1,636,065 euros. Esta importante cifra, incluso non ten en conta o mobiliario. Tamén temos o visto e prace técnico da Consellería a este proxecto así como tamén o obrigado da Oficina de Supervisión de Proxectos da Deputación”.
O rexedor seguiu a contar: “formalmente témonos dirixido en varias ocasións, tanto ao anterior Presidente da Xunta de Galicia, como á actual Conselleira de Política Social, entre outras comunicacións as de febreiro de 2021, xuño de 2022 e setembro de 2022 para solicitarlle dúas cuestións absolutamente básicas, coherentes e necesarias: financiamento económico para abordar tales reformas. E o compromiso de traslado dos usuarios e usuarias a prazas libres públicas máis próximas a Ribadeo dentro da Rede galega de Centros. Mais recentemente, en novembro de 2022, a Corporación Municipal de Ribadeo, de xeito unánime dos tres grupos que a compoñen, acordou a adopción de acordos para rehabilitar e garantir a continuidade no tempo deste servizo social básico para Ribadeo, aínda sabendo que non é competencia municipal, por entender que as persoas deste Concello deben ter garantidas dúas residencias públicas en lugar de unha.Nun dos puntos dese Acordo, trasladado en tempo e forma, requiríase de xeito expreso o requirimento aos Servizos Socias da Xunta de Galicia á derivación dos usuarios aos centros de maiores que poidan acollelos”.
Fernando Suárez dixo que “no tocante ao Concello, veuse actuando co cumprimento escrupuloso dos acordos adoptados: utilización da herdanza que un veciño legou a este centro para financiar parcialmente as obras, e comprometéndose o Concello a financiar a parte restante a través dun préstamo bancario que está previsto nos Orzamentos Municipais deste ano 2023. Tamén o Concello ten solicitado desde hai meses unha axuda na unha liña de Fondos NextGeneration EU do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana. A día de hoxe non sabemos se seremos merecedores desta axuda por parte do Goberno do Estado, pero non quixemos desaproveitar esta oportunidade, a xulgar tamén porque desde a Xunta nunca até o momento se nos chegou a contestar formalmente ás nosas peticións e dar unha cifra concreta”.
E engadiu: “agora o Concello está en fase de licitación das obras, proceso administrativo que levará un tempo, previsiblemente ata o inicio do verán. Nese momento de inicio das obras, o Centro, tal e como requiriu a Xunta de Galicia, deberá cesar total e temporalmente a prestación de servizos por mor da incompatibilidade destes coas obras de calado que se van acometer. Desde o Concello de Ribadeo levámoslles pedido axuda económica que nunca se concretou ata o momento a través de ningún convenio extraordinario de colaboración previstos no artigo 64 bis da Lei 13/2008 de Servizos Sociais de Galicia. Agora iso xa non é tan relevante posto que financiación, dun xeito ou doutro, vaina haber”.
Para Suárez Barcia “o que si é relevante á falta de resposta aos requirimentos formais tanto de alcaldía como de Pleno da Corporación á necesaria colaboración no traslado dos usuarios e usuarios ás prazas residenciais libres mais próximas a Ribadeo. Chama a atención, porque vemos que iso é o que a Xunta fixo e fai noutros centros por mor de obras e tamén chama a atención porque iso foi o que a Xunta de Galicia fixo cando na pandemia chegou a trasladar (moi correctamente por suposto) a usuarios afectados polo Covid aos seus Centros do Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral). E chama igualmente a atención porque sería a segunda vez en oito anos que a Xunta de Galicia esquece, desatende e trata como cidadáns de segunda á veciñanza de Ribadeo, xustamente en materias que son da súa competencia exclusiva”.
O alcalde ribadense indicou: “en definitiva, aquí non estamos falando da campaña electoral. Aquí estamos falando do exquisito tratamento que lle temos que dar aos usuarios dunha residencia, porque é de xustiza e porque non se lles pode fallar. Os representantes públicos deberiamos actuar polo ben común e a colaboración leal entre administracións. Pedimos agora, como xa o fixemos, coa mesma lealdade e o compromiso que debemos ter cos nosos cidadáns, o seguinte: O Pleno do Concello de Ribadeo, ofrecendo leal colaboración, demándalle á Xunta de Galicia a colaboración, cooperación e compromiso para o traslado dos usuarios e usuarias do Hospital Asilo de Ribadeo, durante o tempo imprescindible das obras que proximamente se realizarán para cumprir as esixencias da propia Xunta. Estes traslados deberán ser aos centros públicos mais próximos posibles dependentes da Xunta de Galicia”.
Este asunto será abordado nun pleno extraordinario e urxente convocado para mañá, 17 de marzo, ás dúas da tarde.