Felipe Sánchez, Escola de Música de Foz: “O traballo como director é satisfactorio pero esixente”

Foz
AMariñaXa
O grupo ribadense Kornucopia ten os seus inicios durante o 2021 e son Un grupo de amigos con ganas de compartir as súas inquedanzas
alumnos Escola Municipal de Música de Foz 1
22 Mar 2024

Por Ana Somoza López.

Como nace a Escola de Música?

A Escola Municipal de Música de Foz fúndase no ano 1992 da man do músico e mestre de renome galego Arcadio Mon García, gran músico e persoa, xunto coa Corporación Municipal.

Que obxectivos ten?

O principal obxectivo da súa creación foi a formación do alumnado co fin chegar á creación dunha banda fundada en 1993 e centrándose o proxecto educativo nos instrumentos de vento e percusión, ademais de ir incorporando outras especialidades como piano, violín ou guitarra.

Cantos membros teñen?

A escola conta actualmente con 220 usuarios e temos 7 docentes repartidos nas especialidades de vento metal (trompeta, trompa, trombón e tuba), vento madeira (saxofón, clarinete e frauta), violín, piano, percusión, guitarra clásica/eléctrica e baixo eléctrico.

Cambiou a Escola nestes anos?

Diversificouse a oferta da escola durante este últimos 9 anos ampliando o proxecto educativo co fin de facilitar o acceso a usuarios máis novos instaurando a materia de música e movemento, que está destinada a alumnos dende os 4 ata os 7 anos. Tamén incluímos a prebanda, materia que inicia aos máis pequechos no mundo da banda, a aula coral e creamos tamén agrupacións de diversos estilos musicais como poden ser a orquestra de jazz ou a aula de música moderna, dando a posibilidade de descubrir a linguaxe musical doutros estilos coma o jazz, blues, rock, etc... o cal enriquece considerablemente tanto a dinámica do centro como a formación musical da comunidade escolar.

Como é o traballo como director da escola?

O traballo como director é satisfactorio pero esixente xa que comparto as tarefas de dirección coas de docencia, que é a miña verdadeira paixón, nas especialidades de guitarra clásica e eléctrica, baixo eléctrico, aula coral, aula de música moderna e linguaxe musica. Pero intento levar a cabo as dúas tarefas da maneira máis digna posible.

De onde vén o seu amor pola música?

A miña paixón pola música xorde aos 8 anos cando me inicio no colexio Santa Rita de Galdo na actividade extraescolar de música da man do actual director do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, Antonio Álvarez Neira. El foi o encargado de introducir na miña persoa o desfrute e a paixón por este arte. Paixón que me leva acompañando durante 33 anos rematando o Grao Profesional de guitarra clásica no Conservatorio de Viveiro e trasladándome á Coruña para cursar o Grao Superior rematando con matrícula de honra. Aínda que á marxe da guitarra clásica, levo moitos anos formando e compartindo proxectos musicais de diversos estilos, o que me enriqueceu notablemente como músico e persoa.

Como é esta Escola?

Penso que a particularidade desta escola foi dende os seus inicios o ambiente familiar e próximo que quedou impregnado na comunidade escolar grazas ao seu fundador Arcadio, e que intentamos seguir transmitindo cada un dos docentes, polo que moitas xeracións consideraron este centro como a súa casa. De feito hai moitos alumnos que marchan estudar fóra e cada vez que teñen a oportunidade de achegarse nunca falla unha visita ou unha colaboración onde faga falta, o cal é moi satisfactorio non só no ámbito escolar senón tamén no ámbito persoal.

Como se fose unha familia?

Si, penso que conseguimos crear unha comunidade escolar e musical que vai máis alá da idade e que consigue que todos os usuarios se relacionen de xeito estreito e compartan experiencias a través da música, o cal nos satisfai enormemente.

Que proxectos de futuro teñen pensados durante o ano 2024?

Para un futuro desexamos que o proxecto que estamos a levar a cabo, no que quero destacar ademais da entrega do corpo docente o apoio do Concello, poida ser un proxecto sólido e con moitos anos máis por diante. Intentaremos afianzar o incremento que experimentou o centro durante estes anos impulsando e nutrindo as especialidades que agora mesmo necesitan de máis cariño na maioría dos centros musicais como son as especialidades de vento e no cal xa estamos a traballar.

Iniciamos un proxecto dende a escola para os pequenos que aínda non comezaron cun instrumento, contacten con instrumentos de vento accesibles, e a verdade, é que está tendo moi bo resultado xa que a matrícula incrementouse considerablemente nas especialidades menos demandadas o cal nos alegra moito.

Que actividades teñen?

A actividade musical do centro é bastante dinámica dentro das posibilidades. A comezo de curso organizamos o Novembro Musical en honor ao día de Santa Icía, pero facémolo nun ciclo de 4 semanas onde participa a aula de música moderna agrupada nos distintos Combos da Escola.

En decembro ten lugar o Festival de Nadal da Escola de Música onde participan as aulas de música e movemento, a aula coral repartida en tres agrupacións corais, a prebanda e a orquestra de jazz. Tamén colaboramos durante as datas festivas de Nadal a dinamizar as rúas do concello.

No mes de febreiro teñen lugar as audicións do cuadrimestre onde os alumnos de cada especialidade mostran os avances co seu instrumento. Fai uns anos decidimos tamén realizar no mes de abril algunha actividade benéfica, ben sexa para algunha entidade do propio municipio ou para entidades que o solicitan como poden ser Acnur, Médicos sen fronteiras, etc.

En maio organizamos o chamado Maio de Combos onde cada fin de semana do mes levamos á rúa unha agrupación da aula de música moderna nunha contorna privilexiada como é o paseo da Ribeira, xusto a carón das nosas instalacións. E xa a piques de rematar o curso organizamos as audicións e o festival de fin de curso.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19191193580627