Feijóo endurece as medidas anticovid con novas restriccións dende o venres
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou no mediodía de hoxe novas restricións anticovid en Galicia, que entrarán en vigor o venres e que se prolongarán un mes. Este anuncio se produce só unhas horas despois de que o conselleiro de Sanidade anunciase que se mantiñan as medidas que había ata o venres.
As novas medidas afectarán a 60 concellos, que supoñen ao redor dun 60% da poboación galega, segundo a estimación do Goberno autonómico e na provincia afecta a Lugo, Monforte, Burela e Viveiro.
As restriccións afectan especialmente á hostalería, que deberá pechar na súa totalidade salvo nos servizos a domicilio e para levar, e a todas aquelas actividades consideradas non esenciais, que quedan suspendidas.
O obxectivo, segundo detallou o presidente, é "rebaixar a carga hospitalaria e nas residencias de maiores e centros de discapacitados e evitar un confinamento domiciliario para tentar salvar a campaña de Nadal".
O comercio continuará mantendo a súa situación actual e tampouco afectan o desprazamento por motivos laborais, educativos e sanitarios, que seguirán estando permitidos ao 100%.
A práctica deportiva só poderá levar a cabo de forma individual, permitíndose a apertura dos ximnasios pero con redución de aforo.
As actividades culturais tamén reducen o seu aforo con 30 persoas no interior e 75 no exterior.
PECHE PERIMETRAL
Mantense tamén o peche perimetral dos 60 concellos afectados polas medidas, polo que as entradas e saídas dos municipios quedan prohibidas, mentres que as reunións sociais nestes municipios quedarán limitadas a conviventes –sen límite–. No resto de Galicia elévase a seis o máximo de persoas nas reunións.
As medidas máis restritivas afectarán ás cidades e ás súas respectivas áreas de influencia, así como nos municipios onde a incidencia do coronavirus é máis alta. A listaxe dos concellos é a seguinte: A Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Lugo, Santiago, Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Ferrol, Ares, Fene, Neda, Narón, Mugardos, Ourense, Barbadás, Amoeiro, Coles, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Toén, Pontevedra, Vilaboa, Pontecaldelas, Poio, Marín, Barro, Campolameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior, Vigo, Mos, Nigrán, Gondomar, Porriño, Redondela, Vimianzo, Monforte, Burela, Viveiro, O Carballiño, Verín, Xinzo, Cangas, A Estrada, Lalín, Silleda, Ponteareas, Tui, Cambados, O Grove, Vilanova de Arousa e Vilagarcía.
O presidente galego tamén asegurou que o toque de queda entre as 23:00 e as 06.00 horas manterase vixente.
O presidente avanzou tamén que a hostalaría recibirá axudas e que o obxectivo é baixar a curva de contaxios para que podan "salvar a campaña de Nadal" e poder reabrir en decembro. As axudas daranse a coñecer o xoves.
OS ÚLTIMOS DATOS
Na decisión tomada polo comité de expertos no día de hoxe influiron os datos, que continúa al alza, tras dous días que eran esperanzadores.
A área sanitaria de Lugo sumou este mércores 72 novos positivos, unha cifra moi por riba dos 26 contaxios de onte ou dos 39 do luns. Deste xeito, a cifra total de casos activos pasa a barreira sicolóxica do milleiro e sitúase en 1.016. Tamén foron dadas de alta 18 persoas, o que fai que o acumulado histórico de persoas que superaron a enfermidade sexa de 3.454.
Volve subir a presión hospitalaria e xa son 42. Deles, cinco están na UCI do Hula. O resto evoluciona en planta, 20 no Hula, 14 no Hospital da Mariña e 3 en Monforte.
Por outra banda, dúas mulleres, de 89 e 91 anos faceleron no Hula e no Hospital Público da Mariña na xornada de onte o que fai que as mortes dende que comezou a pandemia sexan 101. Unha delas era usuaria da residencia de maiores de San Cibrao, onde hai un gromo activo que afecta a toda a residencia.
Na provincia de Lugo, Palas de Rei incorpórase ao nivel laranxa de alerta, e Xove e Outeiro de Rei, ata este mércores en nivel cero, pasan ao un. Pola contra descende o nivel de alerta en Cospeito e xa están en amarelo e Sarria volve a cero. Ademais, Cervo, Monforte de Lemos, Viveiro, Burela e Lugo mantéñense no nivel máximo de alerta.
GALICIA
A comunidade rexistrou hoxe 644 contagios máis e xa son 39.058 os contaxiados totais dende o inicio. Hai 9.642 os casos activos, 266 máis que no anterior reconto, e as mortes subiron a 951, tras as sete máiis. En unidades de hospitalización hai 483 persoas, 17 máis, e 80 en UCI, unha máis. Os curados son 28.466, 371 máis.
Todas as áreas sanitarias están xa por riba do milleiro de casos activos, e a de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras é a única na que se detecta un lixeiro descenso.
Vigo conta con 2.271 casos (145 máis) e 187 novas infeccións detectadas (99 máis); a de Ourense contabiliza 1.211 (61 menos) e 42 novos contagios (catro máis); e a da Coruña mostra 1.668 (65 máis) e 120 novos contagios (36 máis).
Pontevedra ten 1.097 casos activos (15 máis) e 52 novos contagios (24 menos) e Ferrol 1.029 casos activos (47 máis) e 64 infeccións diarias (dúas máis). Finalmente, Santiago de Compostela e Barbanza presenta 1.350 casos activos, dous máis, e 89 novos contagios (38 máis).