Fedepesca sinala que "é inasumible a subida do salario mínimo e a redución da xornada laboral"
Fedepesca, a patronal das pescaderías españolas, vén de advirtir de que "é inasumible a subida do salario mínimo e a redución da xornada laboral".
"1.903,75 euros ao mes. Este sería o custo exacto que tería que asumir un autónomo pescadeiro por contratar a un empregado sen experiencia nin formación, se se aproba a proposta de Yolanda Díaz, e que se sumaría ao incremento xa real do 67,3 % do SMI nos últimos 8 anos. De aplicarse esta subida, en 9 anos o aumento do SMI sería do 80,7 % (de 2016 a 2025)", din desde a patronal.
Se, ademais, se aplicase a redución da xornada laboral a 37,5 horas semanais, como demanda a Vicepresidenta do Goberno, "este incremento de custos agravaría aínda máis a situación, condenando o comercio tradicional en xeral, e as pescaderías en particular, ao pech"e.
O comercio especializado en produtos pesqueiros "é unha rede única no mundo que permitiu que os españois sexan grandes consumidores de produtos pesqueiros e que, en boa medida, é responsable do alto consumo destes produtos en todo o territorio", din desde Fedepesca,. "o seu declive, ligado á redución do consumo, á perda de presenza no territorio e á desaparición da cultura gastronómica e da dieta pesco-mediterránea, afectará o desenvolvemento rural e costeiro, así como o incremento dos gastos asociados a unha mala alimentación".
"A rendibilidade destes pequenos negocios vese seriamente ameazada polas políticas dos últimos anos, que se toman de costas á realidade dos autónomos", sinalan.
Desde Fedepesca, calcúlase que máis de 350 pescaderías desaparecen cada ano en España. Segundo os datos do INE, en 2007 había 12.632 empresas dedicadas á venda de produtos pesqueiros, mentres que en 2022 ese número reduciuse a 9.809 (último ano con datos publicados). Isto representa unha perda do 22,34 % en 14 anos. Ademais, estimando os datos dos locais, un terzo das 15.000 pescaderías que había en 2007 desapareceron, co que o emprego no sector retrocedeu en 8.857 persoas, o que equivale a unha caída do 33,76 % nos postos especializados na venda de produtos pesqueiros.
"Chegar a máis de 1.900 euros que un autónomo terá que pagar por un empregado con salario mínimo resulta da suma do SMI, as cotizacións sociais a cargo do empregador, incluíndo o 23,6 % por continxencias comúns, o 5,5 % por desemprego ou o 0,67 % do Mecanismo de Equidade Interxeracional para pagar as pensións do baby boom, entre outros. A isto súmanse cotizacións por accidentes e enfermidades laborais que, nalgúns sectores, alcanzan o 7,25 %, como ocorre na industria ou a construción", engaden.
"A pesar de que España pechou o 2024 coa creación de 500.000 novos postos de traballo, destruíronse empregos en empresas de 1 a 3 traballadores, con 50.000 empregadores menos que en 2019", sianaln.
Por outra banda, a Vicepresidenta Díaz propuxo limitar os prezos dos alimentos," unha medida contraditoria no actual contexto de escalada de custos laborais e de xestión".
Os datos do IPC de 2024 reflicten que os prezos de peixe e marisco fresco mantivéronse estables durante a crise de custos, cunha variación anual do 8,6 % en decembro. "Non obstante, a súa repercusión no índice xeral de inflación foi mínima, evidenciando que o impacto destes produtos na economía dos fogares españois é reducido", din desde Fedepesca.
Ademais, os produtos pesqueiros non recibiron ningunha rebaixa do tipo impositivo do IVE, mantendo un gravame do 10 %, a pesar de ser alimentos saudables recomendados na dieta. Outros países aplican tipos máis baixos, chegando ao 0 %, mentres que en España, alimentos como o aceite de oliva ou os lácteos fermentados tributan ao 4 %.