Familias e forzas políticas reclamaron en Viveiro máis recursos para unha educación inclusiva

A Praza Maior de Viveiro foi escenario este sábado, ás 12.00 horas, dunha concentración convocada con motivo do Día Internacional da Educación para denunciar a insuficiencia de recursos destinados á atención do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) nos centros públicos da Mariña. A mobilización, impulsada por familias da comarca, puxo o foco nunha problemática que, segundo advertiron, está a provocar situacións de desigualdade e exclusión no ámbito educativo.
As familias organizadoras alertaron da falta de profesionais de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe, unha carencia que, segundo explicaron, impide que moitos nenos e nenas poidan participar con normalidade nas actividades escolares ou recibir os apoios que precisan. Denunciaron que a ausencia de persoal especializado supón unha vulneración de dereitos básicos e limita as oportunidades do alumnado máis vulnerable.
A concentración desenvolveuse de maneira pacífica e cun forte carácter simbólico. As persoas participantes acudiron cunha mochila baleira por cada menor afectado, como representación dos recursos e apoios que deberían existir nas aulas e que, segundo denunciaron, non están garantidos na actualidade. A convocatoria quixo transmitir a mensaxe de que cada presenza conta na defensa dunha educación pública inclusiva, digna e con igualdade de oportunidades.
Á mobilización sumouse a viceportavoz segunda do Grupo Socialista, Lara Méndez, quen acusou ao PP de facer unha xestión “sen alma” do ensino público e de tratar ao alumnado con necesidades especiais “como meros números”. Méndez reclamou un plan de choque para reforzar o profesorado de apoio en Galicia e asegurou que a falta estrutural de persoal responde a unha estratexia deliberada de desmantelamento do ensino público por parte do Goberno galego.
A responsable socialista advertiu de que esta situación non afecta só á Mariña e citou exemplos de centros educativos doutras zonas de Galicia nos que tamén se rexistran importantes carencias de profesorado de apoio. Denunciou, ademais, a contradición dun Executivo que presume de inclusión educativa mentres rexeita iniciativas parlamentarias e emendas orzamentarias destinadas a reforzar os recursos humanos nos centros.
O PSOE de Viveiro tamén quixo estar presente na mobilización para amosar o seu respaldo ás nais e pais que reclaman máis recursos humanos e un maior apoio nos centros educativos, especialmente no que atinxe ao profesorado especializado. Desde a formación socialista trasladaron unha mensaxe de apoio ás familias, subliñando que “non están soas” nesta reivindicación e lembrando que a atención á diversidade “é un dereito do alumnado e unha responsabilidade colectiva das administracións”, polo que reclamaron unha resposta inmediata por parte da Xunta que garanta unha educación pública inclusiva e con medios suficientes.
O Bloque Nacionalista Galego tamén estivo presente na concentración, amosando o seu apoio ás reivindicacións da Asociación de Familias Neurodiverxentes da Mariña Lucense e Ortegal (ASFANEMOR). A portavoz municipal do BNG en Viveiro, Iria Cotelo, e o deputado autonómico Daniel Castro coincidiron en cualificar de grave a falta de medios especializados e criticaron a actitude da Consellería de Educación, á que acusaron de maquillar datos e afastarse da realidade diaria das familias, do profesorado e do alumnado.
Castro advertiu de que a carencia de recursos está a cronificarse e anunciou que o profesorado tamén está a impulsar novas mobilizacións, incluíndo peches nos centros educativos nos vindeiros días. Desde o BNG reiteraron o seu compromiso de seguir apoiando ás familias e ao profesorado ata que a Xunta de Galiza garanta os recursos necesarios para unha educación pública de calidade e verdadeiramente inclusiva.