Familias da Mariña denuncian o abandono da Atención Temperá

AMariñaXa
As familias alertan de listas de agarda, falta de persoal e abandono institucional no servizo comarcal de Burela, que atende a oito concellos da Mariña
atencion-tempera-cativos-nenos-coidar
16 Jun 2025

Por Ana Somoza

A unidade comarcal de Atención Temperá de Burela, que dá servizo a oito concellos: Burela, Ribadeo, Foz, O Valadouro, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo, atópase actualmente desbordada. Con só dúas profesionais en activo, unha pedagoga e unha psicóloga, non conta nestes momentos con logopeda, e as listas de agarda ascenden a preto de 43 menores. A falta de medios e persoal cualificado, sumada a unhas instalacións que “deixan moito que desexar”, segundo denuncian as familias, está a comprometer o acceso á atención temperá para moitos nenos e nenas con necesidades especiais.

ALTA SEN ALTA. María, nai dun dos usuarios do servizo, asegura que a situación é “precaria” e lamenta que lle deran a alta ao seu fillo non por mellora clínica, senón porque “rematou o contrato da logopeda”. Este servizo, que busca favorecer o desenvolvemento infantil entre os 0 e os 6 anos mediante terapias como logopedia, fisioterapia ou apoio psicolóxico, é fundamental durante os primeiros anos de vida, pero en moitos casos non ten continuidade máis aló desa idade.

POST-TEMPERÁ. Precisamente, unha das principais reivindicacións das familias e da Plataforma Loita, un colectivo galego que defende os dereitos das crianzas con diversidade funcional e das súas familias, é a posta en marcha dunha atención post-temperá que cubra polo menos ata os 14 anos. “Non é xusto que se corte o apoio aos seis anos, cando moitos problemas se fan aínda máis evidentes a partir desa idade”, sinalan dende a plataforma. “A plasticidade cerebral non espera. As terapias van contra o reloxo”, advirten.

Desde Loita, nados en 2023 en Pontevedra, levan meses reclamando a aplicación efectiva do decreto galego de Atención Temperá e a súa ampliación. Piden tamén que se garantan prazas públicas suficientes para evitar que as familias teñan que recorrer ao sector privado, algo que non todos poden permitirse. “O futuro destes nenos depende das decisións que se tomen hoxe”, subliñan.

COMPETENCIAS. Mentres tanto, o Concello de Burela, que xestiona o servizo desde o ano 2006 a través de convenios cos outros sete municipios, insiste en que a situación actual é insostible. A atención dos menores vén derivada directamente desde os centros de saúde, a fisioterapeuta depende do SERGAS, e mesmo as aplicacións informáticas utilizadas pertencen á sanidade autonómica. “Estamos a xestionar un servizo sanitario dende os concellos, e iso non ten sentido”, apuntan desde a administración local.

O goberno municipal asegura estar tramitando un novo programa que lles permita contratar unha logopeda de novo, aínda que só sería por nove meses. Recordan que as prazas de psicóloga e pedagoga foron estabilizadas en 2024, e que a praza de logopeda xa foi incluída na proposta de Relación de Postos de Traballo, actualmente en negociación. Porén, consideran que a solución pasa por que a Xunta asuma directamente este servizo, integrándoo no sistema público de saúde.

“Os concellos facemos o que podemos, pero isto desbórdanos”, recoñecen. “Non podemos permitir que Burela estea saturada mentres outros miran para outro lado. É hora de actuar”. Por iso, desde o Concello fan un chamamento aos demais municipios da comarca para que soliciten subvencións e poñan en marcha as súas propias unidades, coa intención de desconxestionar a demanda.
Ademais da ampliación da idade de cobertura, as familias reclaman tamén a incorporación doutros perfís profesionais clave, como terapeutas ocupacionais, e a presenza estable dun neuropediatra no Hospital da Mariña. “Falamos de necesidades reais que afectan á vida diaria dos cativos e das súas familias. Servizos esenciais, non complementarios”, insisten.

INVISIBLES. Algunhas familias critican que, malia as reiteradas chamadas de atención, moitas administracións seguen sen priorizar estas cuestións. “Moitos alcaldes falan antes das residencias de maiores ca dos nosos fillos. E nós dicimos: os nenos non votan, pero tamén contan”. E engaden con rotundidade: “Polo que xa están e polos que virán, non imos parar. Nunca”.

⚙ Configurar cookies
0.16857695579529