“Familia Educa” ofrece en Foz un verán cheo de aprendizaxe, xogos e convivencia

Foz
AMariñaXa
O programa socioeducativo atende máis de 150 menores durante as vacacións escolares, combinando obradoiros, actividades de lecer e apoio ás familias
Familia-Educa-nenos-xogando-veran-Foz
19 Aug 2025

O programa “Familia Educa” volveu a ser este verán unha das propostas referenciais en Foz para acompañar o tempo de vacacións escolares. Desde finais de xuño e ata finais de agosto, as instalacións do CPR Nosa Señora do Pilar, cedidas de forma altruísta pola comunidade das Franciscanas da Purísima Concepción, convertéronse nun espazo cheo de vida, xogos e aprendizaxe.

A iniciativa, coordinada polas educadoras do proxecto “San Aníbal Familia Educa” e un grupo de voluntarias de Cáritas Foz, ofreceu actividades de luns a venres, en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 horas. Con 30 prazas renovables cada dúas semanas, máis de 150 rapaces e rapazas do municipio participaron ao longo das dez semanas estivais.

As propostas foron variadas e deseñadas para fomentar a convivencia, a integración e a creatividade. Non faltaron os xogos tradicionais —como a pita cega, a corda, o brilé, as chapas, os birlos ou as carreiras de sacos— nin os xogos de mesa, adiviñanzas, dinámicas de palabras, bailes ou actividades de equipo como a procura do tesouro. Tamén se organizaron xogos de auga e actividades con colchóns e balóns, que fixeron as delicias dos máis pequenos.

Outro dos piares foron os obradoiros de manualidades, nos que os participantes deron renda solta á imaxinación creando figuras de barro, pulseiras artesanais ou obxectos con papel reciclado. Ademais, dedicaron tempo a pintar pedras, bolsas de tea ou láminas, combinando creatividade e respecto polo medio ambiente. As mañás completáronse coa proxección dalgunhas películas favoritas da rapazada, como Harry Potter, Elemental, Zootrópolis, Big Hero 6 ou as dúas entregas de Avatar.

O Espazo de Preservación Familiar “San Aníbal Familia Educa” é un servizo gratuíto que busca mellorar a convivencia e fortalecer ás familias en situación de vulnerabilidade, ofrecendo ferramentas socioeducativas e psicosociais tanto para os menores como para os seus proxenitores. O obxectivo último é promover un desenvolvemento saudable da vida familiar no seu conxunto.

Este proxecto conta cun programa de inverno, que funciona durante o período escolar en horario de tardes e que en 2024 atendeu 43 menores de 28 familias. No verán, a súa proposta cobre o tempo vacacional, consolidándose como un recurso clave para a comunidade de Foz.

⚙ Configurar cookies
0.17269396781921