Falemos como galegas chega a Viveiro
O espectáculo Falemos como galegas chega ao teatro Pastor Díaz de Viveiro o día 18 a partir das 20.30 horas. Trátase dunha proposta humorística interactiva onde se abordan cuestións relativas á lingua galega a través de sketchs e cancións cómicas de autor. María Campos e Carlos Yus danlle vida a un feixe de personaxes entre os que se atopa a popular Sra. de Palmírez, icona do “castrapismo”.
As cancións, alén de cuestións sociolingüísticas, tratan temas como a defensa da cultura propia e do patrimonio natural, a influencia dos medios de comunicación, a publicidade, a moda, o clasismo etc.
Cada función é unha invitación amena e divertida a reflexionar sobre a historia, a actualidade e o futuro da lingua galega, co obxectivo de fomentar o seu uso normalizado entre as galegas e galegos de todas as idades.