Falece unha das oito persoas feridas en Burela nun atropelo múltiple

GaliciaXa | AMariñaXa
O sinistro produciuse durante a celebración das festas patronais cando un octoxenario perdeu o control do seu vehículo e impactou contra un grupo de persoas da Fundación Eu Son
hospital-a-marina-costa-burela
31 May 2025

Unha das persoas feridas no atropelo múltiple ocorrido pola tarde, en plena celebración das festas patronais, faleceu na madrugada deste sábado. A vítima formaba parte da comunidade da Fundación Eu Son, unha entidade que traballa con persoas con discapacidade intelectual.

O sinistro, que deixou un total de oito persoas feridas, tivo lugar na zona portuaria arredor das 16:20 horas, cando un turismo conducido por un home octoxenario perdeu o control tras impactar contra unha estrutura das atraccións festivas e acabou embestindo ao grupo que se atopaba nun lateral da instalación.

Os equipos de emerxencia actuaron con rapidez, acudindo ao lugar efectivos do 061, Policía Local, Garda Civil de Tráfico e Bombeiros de Barreiros. Os feridos foron trasladados ao hospital, onde cinco deles permanecen ingresados en planta con evolución estable, mentres que outros dous xa foron dados de alta. O condutor, que deu negativo nas probas de alcol e drogas, tamén recibiu atención hospitalaria e xa foi dado de alta.

O acontecido tivo un forte impacto na comunidade. A Fundación Eu Son é un piar social en Burela, e o golpe emocional entre familiares, compañeiros e veciñanza é fondísimo. Dende o Concello convocouse con urxencia unha reunión extraordinaria coa alcaldesa Carmen López, o equipo de goberno, representantes da comisión de festas, responsables policiais e os portavoces da oposición, coa fin de analizar a situación e tomar decisións inmediatas sobre a continuidade das festas.

Nun comunicado feito público na noite do venres, o Concello expresou a súa “máxima preocupación” e manifestou que, tras unha reflexión profunda, decidiu manter a programación festiva prevista. “Non é unha decisión tomada á lixeira. Foi meditada con responsabilidade, con corazón e con sentido común”, explicou o executivo local. A continuidade das festas, apuntaron, pretende ser un equilibrio entre o respecto ao sucedido e o compromiso co tecido social e económico que vive directa ou indirectamente destas celebracións.

Finalmente, o Concello quixo transmitir o seu apoio e afecto ás familias afectadas, á Fundación Eu Son e a toda a comunidade burelá que nestes días vive entre a dor, a solidariedade e a difícil tarefa de continuar. “A nosa prioridade segue sendo estar ao lado das vítimas e dos seus seres queridos. Acompañámolos nestes momentos de tanta dor, con todo o noso cariño”, concluíu o comunicado.

⚙ Configurar cookies
0.11469507217407