Francisco Muiño, produtor de fabas de Lourenzá, ante a grave situación: "Algo coma isto nunca o vivín"

AMariñaXa
Este 2024 sumouse á tendencia negativa do ano anterior cunha redución ata dun 80 % da produción en comparación cunha campaña habitual
Faba_Lourenza_4decembro
31 Dec 2024

Por Amanda Fernández

A produción de fabas de Lourenzá está a pasar por un dos seus peores momentos. Francisco Muiño, produtor e gandeiro da comarca, garda na memoria cando ía co seu pai aló polos 80 con sacos de faba á feira vella. Actualmente describe con preocupación os desafíos que ameazan esta actividade tradicional da Mariña.

Cunha experiencia de décadas, Muiño lembra tempos mellores, pero asegura que as dúas últimas campañas foron, sen dúbida, as máis desastrosas que lembra: “Eu recordo bos tempos, malos tempos, peores, pero algo coma isto nunca o vivín. Perdín 15.000 euros o ano pasado e este ano estimo unhas perdas próximas aos 25.000”. Identifica entre as causas os ciclos climáticos: “Non lle podemos chamar cambio climático, senón ciclos climáticos, que están dentro do propio cambio”.

UN SECTOR EN CRISE

O Salón de Actos de Lourenzá vén de acoller unha asemblea multitudinaria con medio cento de produtores e produtoras de faba, organizada polo Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas e o Consello Regulador da IXP Faba de Lourenzá. A colleita deste ano viuse severamente afectada polas condicións climáticas adversas e pola aparición de patoloxías que reduciron a produción ata nun 80 % en comparación cunha campaña habitual. Esta crise está a impactar de forma significativa nas familias labregas da comarca, para as que a produción de fabas representa unha fonte esencial de ingresos. Ademais, o cultivo é clave para fixar poboación e dinamizar a economía local, sendo un elemento fundamental da identidade cultural e social da Mariña.

Neste sentido Francisco sinala que se incrementaron os custos de produción e que cada vez son menos os productores: “De 30 a 40 anos, se atopas un ou dous productores, de 40 a 50, uns cantos, de 50 a 60, a gran maioría e de 60 para arriba, o grupo restante que estamos máis involucrados polos anos de profesión”.

Esta situación viuse agravada ante as perdas considerables que, segundo apunta, están relacionadas polos “ciclos climáticos” e se agravan por outro condicionante: “O microclima da Mariña, a humidade relativa que estivo todo o ano sempre por riba do 70 %. A faba, ao botar a flor, con este nivel de humidade, o rabo do peciolo ponse podre e a flor xa se vai perdendo”. Este problema estrutural, combinado cun nordés persistente e días anormalmente tapados en agosto e setembro, foi devastador.

Ademais, a humidade favorece o desenvolvemento de enfermidades como a antracnose e o stemphylium, pouco coñecidas ata hai anos. Estas afectan directamente a calidade das fabas, facéndoas inviables para a comercialización. Muiño denuncia que, aínda que existen tratamentos químicos, son caros, xenéricos, escasos e pouco efectivos en condicións de humidade extrema.

A NECESIDADE DE AXUDAS E O FUTURO

Este productor de fabas ve a situación moi complicada e demanda que se precisa unha liña de axudas para paliar isto. Fai un chamamento ás administracións para que adopten medidas inmediatas: “Fálase moito de axudas de compensación, pero son insuficientes. É como se tes sede e che dan de beber cunha cuchariña de café”. Propón a creación de axudas directas que cubran polo menos o 50-60 % das perdas, así como liñas de financiamento a custo cero para que os produtores poidan modernizarse e afrontar as adversidades.

Sobre todo, máis aló do económico, fai fincapé na importancia de que se vexa luz ao final do túnel e que os apoien. Di que, despois de dous anos de perdas, moitos non terán nin con que mercar fertilizantes e que é todo un drama porque “moita xente xa dirá que gaña máis deitándose que facendo nada”.

Lanza como mensaxe final unha reflexión sobre o futuro incerto dun sector que forma parte da identidade de Lourenzá e da Mariña: “Se non se actúa pronto, moitos abandonarán. É unha situación desesperante e moita xente se vai ver con moitos problemas para arrincar a campaña. Temos o ánimo perdido e a min xa me custa cinco euros e medio poñer un quilo e medio de fabas no saco. Necesitamos ver que a administración se preocupa e nos permita arrincar de novo cun colchón. De non ser así, a produción de fabas en perigo de extinción”.

 

0.16666507720947