Exposición fotográfica de Felipe Carnotto en Xove
Felipe Carnotto visitará esta mostra o xoves ás 13:00 horas e dará unha charla na que explicará a súa experiencia ao realizar estas instantáneas realizando unha visita guiada pola exposición.
No colo da esperanza poderá visitarse ata o 2 de xuño na Sala de Exposicións do Salón de Actos, de 18 a 21 horas. As exposición foi realizada en 2015 na denominada “ruta dos Balcáns” polo fotoxornalista Felipe Carnotto. As fotografías están protagonizadas principalmente por rapazas e rapaces que foxen da guerra en Siria canda as súas familias, na busca dun futuro próspero en Europa. A forza das imaxes pretende poñer o foco nas inxustizas que están a acontecer para que milleiros de persoas abandonen os seus fogares e camiñen en ringleiras durante horas, cruzando países como Turquía, Macedonia ou Serbia na procura de refuxio, coa esperanza de vivir en paz.
O fotoxornalista
A relación entre Felipe Carnotto e o Fondo Galego bota a andar en 2014, cando o reporteiro gaña o concurso Imaxes con Fondo II, no que o premio era unha viaxe a Nicaragua para retratar a realidade do país e os proxectos alí apoiados. Como freelance, o fotógrafo de orixe brasileira afincado en Vigo ten publicado en xornais como The Guardian, Der Spiegel, Financial Times, El País ou a revista Luzes. En 2017 fíxose co recoñecemento á Imaxe do Ano no prestixioso certame Estação Imagem e no mesmo ano acada o Galicia en Foco.