Expomar traballa xa en varias iniciativas para promover a actividade pesqueira e o atractivo turístico de Burela ata 2025
A Fundación Expomar fixo balance dos últimos meses e traballou xa coa mirada posta nas súas actividades para 2024 e 2025. “Aprobouse o Plan de Acción do 2024 e analizáronse as actividades realizadas en 2023, como as xornadas técnicas, o encontro empresarial, e a Feira Nautico Pesqueira, ademais doutras accións realizadas, como a presenza en feiras como Sinaval ou Expomar Cabo Verde”, explica o concelleiro de Turismo e Mar, Ramiro Fernández.
“Resaltouse o éxito da celebración do día do Orgullo Mariñeiro celebrado este mes de decembro, e que o Padroado aposta por seguir impulsando, e destacouse a participación no Foro de Turismo de Huelva e na asamblea fundacional da Rede Nacional de Turismo mariñeiro celebrada en Isla Cristina (Huelva)”, sostén pola súa parte a alcaldesa de Burela, Carmela López.
Con vistas a 2024, marcáronse as datas para as xornadas técnicas e o encontro empresarial, que serán os días 8 e 9 de maio. A celebración da Feira Produart será os días 2,3 e 4 de agosto. A Fundación xa traballa por outra parte na Feira Expomar 2025 (do 7 ao 10 de maio do 2025).
Ademais, fixouse como unha prioridade tentar manter unha reunión da Rede Nacional de Turismo Mariñeiro en Burela, tentando que poida coincidir con algunha das actividades que a Fundación Expomar celebre no próximo ano.