Expomar reúne en Burela ao sector pesqueiro para afondar nos desafíos de presente e futuro

AMariñaXa
As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial celebran unha nova edición coa participación de expertos e representantes nacionais e europeos
Expomar-xornadas-tecnicas-presentacion-2025
4 May 2025

Burela volverá converterse esta semana no epicentro do debate pesqueiro coa celebración da 32ª edición das Xornadas Técnicas e o 26º Encontro Empresarial de Expomar, dous foros clave que reunirán a profesionais e entidades de referencia no ámbito da pesca a nivel estatal e internacional.

O xoves 8 de maio pola mañá terá lugar, nas instalacións de Armadores de Burela, o Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, onde representantes das principais organizacións galegas e españolas abordarán cuestións prioritarias como a normativa e xestión pesqueira, o relevo xeracional no sector ou os desafíos que afectan á súa competitividade. Ao rematar, publicaranse as Conclusións 2025, co resumo das achegas do encontro.

Xa pola tarde, no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela, abriranse as 32 Xornadas Técnicas cunha primeira sesión centrada na xestión pesqueira e nos retos estruturais do sector, contando coas intervencións de referentes como Daniel Voces (Europeche), Juan Manuel Elices (Segepesca), Despina Symons (EBCD) e o armador local José Valle, que achegará unha perspectiva vital desde o mar. A sesión estará moderada pola investigadora da USC, María do Carme García Negro.

A segunda xornada celebrarase o venres pola mañá e centrará os seus contidos na sustentabilidade, o consumo de peixe e o impacto social e económico da actividade pesqueira. Intervirán Edita Pereira (CEOE), José Luis Santiago (CETMAR), Javier Botana —coñecido como “Capitán Agallas”— e o divulgador científico Miguel Ángel Lurueña. A mesa será conducida por Alex Rodríguez, secretario do Consello Consultivo da Flota de Longa Distancia (LDAC).

Como peche perfecto, Armadores de Burela e a Organización de Produtores do Porto ofrecerán unha degustación gratuíta de Peixe de Burela, mantendo viva a tradición gastronómica que caracteriza esta feira.

⚙ Configurar cookies
0.17330598831177