Expomar organiza a xornada Come Sano Come Peixe en Burela
A Fundación Expomar presentou a xornada sobre nutrición “Come Sano Come Peixe”, que se celebrará o 15 de decembro no salón de plenos da Confraría de Pescadores de Burela en colaboración coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
Na presentación, á que asistiu grande parte do Padroado da Fundación Expomar, interviron o presidente da Fundación e alcalde de Burela, Alfredo Llano; o xerente de Expomar, Xosé Manuel González ‘Brais’; e o doutor Secundino Cigarrán, nefrólogo do Hospital Público da Mariña e un dos principais ponentes desta xornada sobre nutrición.
O doutor Cigarrán aplaude a organización deste evento, ao tempo que lamenta que sexan moi poucas as citas deste tipo que teñen lugar en España. Por ese motivo anima a tódolos veciños de Burela e de toda A Mariña a asistir á xornada, xa que nela trataranse temas relacionados con hábitos saudables de vida e sobre todo a importancia do consumo de peixe na dieta atlántica.
A xornada celebrarase o mércores 15 de decembro a partir das 17:30h e nela intervirán, ademais do doutor Cigarrán, a doutora Ángeles Romero, catedrática de tecnoloxía dos alimentos pola Universidade de Santiago de Compostela; o doutor Nicolás Piedrafita Páez, graduado en nutrición humana e dietética pola USC; e Juan La Torre, farmacólogo-nutricionista da unidade de investigación nefrolóxica do Hospital Público da Mariña. Os temas que se tratarán serán “Peixe e dieta atlántica como alimentación saudable”, “Dieta atlántica na poboación xeriátrica”, “O papel da dieta atlántica na nutrición e o ril” ou “Manexo nutricional da diabete”.
Trátase dunha xornada informativa sobre os beneficios do consumo de peixe na dieta atlántica, que finalizará con unha degustación gratuíta de produtos pesqueiros cedidos por Absa e OPP Lugo e que elaborará o restaurante Casa Miranda.
A xornada será gratuíta e aberta ao público, se ben é necesario inscribirse previamente para cumprir coa normativa Covid. As plazas son limitadas e a reserva pode facerse no enderezo electrónico xerencia@expomar.com ou por teléfono ou whatsapp no 610574188.