Expomar impulsa o proxecto “Xeración Peixe” para promover o consumo responsable e a sustentabilidade pesqueira

AMariñaXa
A iniciativa, financiada polo GALP A Mariña-Ortegal e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, inclúe accións educativas, gastronómicas e ambientais que culminarán cun congreso infantil e xuvenil en 2026
Burela-EXPOMAR_proxecto-Xeracion-Peixe-2025
30 Oct 2025

A Fundación Expomar deu a coñecer este xoves en Burela o proxecto “Sostibilidade da actividade pesqueira e consumo responsable. Congreso da infancia e da adolescencia”, unha ampla iniciativa que busca concienciar á poboación máis nova sobre o valor do mar e dos produtos pesqueiros, ao tempo que promove hábitos de consumo sostible e local. O proxecto, coñecido como “Xeración Peixe”, está financiado no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027 e do GALP A Mariña-Ortegal.

O acto de presentación, celebrado no Hotel Nordés de Burela, contou coa participación da presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa do municipio, Carmela López; do concelleiro de Mar, Ramiro Fernández; e do xerente da entidade, José M. González ‘Brais’. Tamén asistiron representantes das institucións que forman parte do padroado da Fundación, do Concello, do GALP e de diversos centros educativos e sociais implicados na iniciativa.

A alcaldesa e presidenta da Fundación, Carmela López, destacou que proxectos como este “abren o sector pesqueiro a novos ámbitos, como o patrimonio cultural e gastronómico, e chegan a públicos que son o futuro da nosa comarca, como é a mocidade”. Subliñou, ademais, que “Expomar quere contribuír ao desenvolvemento social de A Mariña, amosando que o mar é tamén un motor educativo e de identidade”.

Pola súa banda, o concelleiro de Mar, Ramiro Fernández, explicou que o proxecto inclúe “un amplo abano de actividades que se desenvolverán nos próximos meses”, entre as que citou un estudo sobre os hábitos de consumo de peixe, un certame literario vinculado ao mar, a creación dun recetario de sabores mariñeiros tradicionais, accións de limpeza de praias e exposicións de residuos mariños, así como unha proposta gastronómica elaborada na Escola de Hostalería de Foz, que dará lugar ao “Pincho de Peixe”.

“Xeración Peixe” implicará tanto a centros de ensino como a entidades sociais e de inclusión, fomentando a participación de diferentes xeracións arredor da cultura mariñeira. Os primeiros talleres e actividades xa deron comezo este mes de outubro nos colexios de Burela, e todo o traballo culminará co Congreso da infancia e da adolescencia, previsto para o primeiro semestre de 2026.

Ese congreso servirá, segundo explicaron desde a Fundación, “para poñer en valor o potencial da pesca e dos seus produtos na comarca de A Mariña, non só polo seu peso na alimentación, senón tamén como factor de cohesión social e de desenvolvemento económico sostible”.

O xerente da Fundación Expomar, José M. González ‘Brais’, engadiu que o obxectivo central é “promover un consumo consciente e local, valorando os recursos pesqueiros do noso entorno e sensibilizando ás novas xeracións sobre a importancia de protexer o mar”.

Entre as accións destacadas figura tamén a celebración do “Día do Peixe”, prevista para os primeiros meses de 2026. Nesa xornada, aumentarase o consumo de peixe nos centros educativos, de inclusión e de maiores da comarca, grazas á colaboración da Fundación Expomar, que facilitará produto pesqueiro fresco para a súa preparación nas cociñas dos centros. Esta acción, segundo a organización, “terá un impacto directo en máis de 1.000 persoas” e converterase nun símbolo do compromiso colectivo coa sostibilidade mariña.

⚙ Configurar cookies
0.070343017578125