Expomar e a Xunta reforzan a súa alianza para dinamizar a economía azul

AMariñaXa
A Xunta e a fundación burelá analizan novas liñas de promoción, formación e posta en valor da economía azul
Villaverde-Expomar-colaboracion-2026
30 Jan 2026

A Consellería do Mar e a Fundación Expomar avanzan no fortalecemento da súa colaboración de cara ao ano 2026, cunha folla de ruta centrada na promoción do sector marítimo-pesqueiro, a formación especializada e a difusión do coñecemento vinculado ao mar. Así se puxo de manifesto na reunión mantida pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, con representantes da entidade con sede en Burela.

Durante o encontro analizáronse as principais actividades que Expomar ten previstas para o vindeiro exercicio, facendo fincapé no seu papel como plataforma de transferencia de innovación, intercambio de experiencias e reforzo da competitividade dun sector clave para a economía galega. A conselleira destacou a traxectoria da fundación como espazo de referencia para o diálogo entre profesionais, empresas, administracións públicas e axentes sociais ligados ao ámbito marítimo.

Villaverde subliñou a relevancia de iniciativas xa consolidadas no calendario anual de Expomar, como as Xornadas Técnicas, o Encontro Empresarial, a feira Produart ou o Día do Orgullo Mariñeiro, que contribúen a promover o consumo de produtos do mar, a poñer en valor o traballo do sector e a visibilizar o seu peso estratéxico no desenvolvemento económico e social de Galicia.

Na xuntanza tamén se abordou a incorporación de novas propostas orientadas á divulgación cultural e á valorización do patrimonio mariñeiro, así como a continuidade da colaboración institucional que a Consellería do Mar mantén coa fundación desde hai máis dunha década.

A Fundación Expomar desenvolve desde 1998 unha intensa actividade centrada na dinamización do sector náutico-pesqueiro galego, organizando ao longo do ano eventos de carácter técnico, empresarial, divulgativo e cultural. Este traballo consolidouna como un dos principais puntos de encontro e reflexión arredor do mar en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.079031944274902