Expomar despídese mirando xa ao futuro e confirmándose como a edición con maior exposición e mellor participación

AMariñaXa
Expomar despídese mirando xa ao futuro e confirmándose como a edición con maior exposición e mellor participación
Burela expomar peche 2023 2
14 Maio 2023

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé, clausurou a 19ª edición da Feira Expomar, despois de catro días nos que o porto de Burela converteuse máis que nunca na capital do mundo da pesca e a náutica, nun evento que supero os 5.000 metros de exposición.

Durante o acto de clausura, no que tamén participaron Alfredo Chairo, presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela; Carmela López, concelleira de Mar do Concello de Burela; e José M. Gonzáez ‘Brais’, xerente de Expomar; celebrouse tamén un acto de homenaxe e recoñecemento á Confraría de Pescadores San Juan Bautista de Burela, membro fundador do padroado da Fundación Expomar, que este ano celebra o seu 100 aniversario.

O patrón maior da Confraría, Basilio Otero, tamén presidente da Federación Provincial de Confrarías e da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, recibiu de mans do presidente da Deputación de Lugo unha placa conmemorativa de parte da Fundación Expomar e unha figura dedicada polo Concello de Burela.

Nese acto púxose en valor a relevancia da figura do ‘depósito’ na historia e evolución de Burela, por como nos últimos 100 anos converteuse nun dos principais factores do crecemento exponecial deste pequeno pobo mariñeiro.

A Fundación Expomar valora moi positivamente o desenvolvemento desta edición da feira e, aínda que nos próximos meses seguirá organizando diferentes eventos relacionados co sector primario, como a feira de produtos artesanais e ecolóxicos Produart no mes de agosto; todas as miradas enfocan xa cara a maio de 2025, cando o porto de Burela volverá acoller a próxima feira bienal dos sectores náutico e pesqueiro.

Expomar 2023 baixa o pano superando todas as marcas de anos anteriores e presentando un programa de actividades moi completo, que incluíu desde exposicións de barcos dentro da feira ata as citas anuais máis imprescindibles para o sector profesional, como as Xornadas Técnicas ou o Encontro Empresarial, que se celebraron o xoves e o venres coa participación das principais fihuras e entidades do panorama galego e nacional.

Dentro das diferentes actividades do programa da feira destacou na tarde do venres a presentación do documental “Morabenza”, obra do director burelense David Mon, recentemente premiado co Premio Mestre Mateo 2023.

O acto tivo lugar no salón de actos da Confraría de Pescadores, que se encheu de público para presenciar a “première” dun documental que conta a historia de dous pobos, o caboverdiano e o burelense, capaces de deixar de lado as súas diferenzas como individuos para, a través do traballo duro do mar, manter ás súas familias.

VALENTÍN FORMOSO

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reafirmou en Burela o apoio dos socialistas galegos ao sector mar – industria, do que dependen 40.000 familias de galegos e galegas. Formoso visitou hoxe a feira pesqueira Expomar xunto coa candidata socialista á alcaldía, Carmela López, que dixo que representa “ilusión, xuventude e experiencia de xestión” no Concello.

O responsable socialista ofreceu unha “mensaxe de optimismo e ilusión” dos socialistas galegos a un sector “polo que levamos moito tempo pelexando”, na defensa da pesca de fondo, a pesca de cerco ou a continuidade das instalacións concesionadas no sector mar – industria. Formoso reivindicou “competencias plenas na xestión do litoral polo ben do sector e polo futuro de Galicia”.

En resposta a preguntas dos xornalistas, emprazou ao PP e ao goberno galego a aceptar as emendas dos socialistas á Lei do Litoral e “mellorar un texto que vai permitir bums inmobiliarios e hoteleiros”. Chamou a evitar que a costa galega “se converta nun novo Mar Menor ou na costa andaluza”.

Reiterou o apoio dos socialistas á tramitación da Lei do Litoral de Galicia, que está pendente de afrontar a súa primeira votación de toma en consideración no Parlamento. Explicou que os socialistas apoiarán o texto nesa primeira votación que iniciará o trámite parlamentario coa condición de mellorar a Lei a través de emendas.

Esixiulle á Xunta que “se centre na xestión do litoral” e “eliminar incertidumes no sector”, que conta con 568 instalacións na costa galega e da que dependen decenas de milleiros de familias, para que “non haxa dúbidas á hora de investir e de garantir o futuro laboral”.

Formoso comezou en Burela unha xornada que estará centrada no sector mar – industria, e que rematará xa pola tarde en A Guarda, onde acompañará ao alcalde e candidato á reelección, Antonio Lomba, nunha localidade na que a pesca é “bandeira”. Sinalou que A Guarda é a sede da Organización de Palangreiros Guardeses -Orpagu-, coa que “colaboramos habitualmente dende o PSdeG”, como interlocutores co goberno.

0.21320104598999