Expomar contará con 120 stands con 300 marcas do sector

TerraChaXa | AMariñaXa
A vindeira edición da Feira Náutico Pesqueira Expomar, que se celebrará do 9 ao 12 de maio, xa ten confirmada a presenza de 120 stands nos que estarán representadas 300 marcas.
13 Mar 2019

A vindeira edición da Feira Náutico Pesqueira Expomar, que se celebrará do 9 ao 12 de maio, xa ten confirmada a presenza de 120 stands nos que estarán representadas 300 marcas. En total o recinto feiral ocupará por primeira vez 4.000 metros cadrados. Nas últimas horas tivo lugar unha xuntanza da comisión organizadora para ultimar algúns dos detalles do evento. Nas Xornadas Técnicas, que terán lugar o xoves e o venres, presentarase un estudo sociolaboral da pesca en Burela e analizaranse cuestións de interese para o sector.
O alcalde, Alfredo Llano, e presidente da Fundación Expomar contou que “tivemos unha reunión ordinaria para ir mirando o que se está logrando para esta nova edición de Expomar que se vai celebrar do 9 ao 12 de maio. Hai que ser optimista porque a estas alturas xa está practicamente todo rematado, contamos cunha boa presenza de expositores e tamén para as xornadas técnicas e o encontro empresarial. Ademais vaise celebrar aquí en Burela o pleno do consello galego de pesca, paralelamente á feira”.
O rexedor explicou que “hai xa confirmados máis de 120 stands e temos máis de 300 marcas representadas. A inauguración será o día 9, coa conselleira do Mar, sobre a unha e media do mediodía. Tamén ampliamos a superficie de ocupación, antes víñanse empregando 3.500 metros e este ano van ser 4.000 metros os que se van aproveitar para facer unha boa exposición”.
Llano dixo que “as xornadas técnicas, que en principio ían ser só o xoves, imos facelas o xoves e o venres polo seu interese. Entre os temas que se van tratar haberaos de ámbito social e de xestión pesqueira. No ámbito social imos ter a presentación dun estudo sociolaboral da flota de Burela, que pensamos que é extraordinario e vai ter moita importancia nesta feira. Tamén se vai tratar o plan estratéxico de Cepesca no ámbito social, outro será os piares de sostibilidade da pesca e a dimensión social da pesca na política común”.
Llano engadiu que “con respecto aos temas de xestión pesqueira, que se abordarán o venres, farase unha análise da posta en marcha dos plans de xestión, tratarase a visión do sector pesqueiro que teñen os seus representantes, e as novidades sobre o Brexit e a repercusión que pode ter sobre o sector pesqueiro. Finalmente falarase de reflexións a onde vai a xestión pesqueira, verase que pasa coa política pesqueira común e cara onde van as obrigas e os caladoiros, etc. O encontro empresarial vai ser na mañá do venres e paralelamente imos ter o pleno do consello galego de pesca”.
Para o alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar “no seu conxunto vai ser unha feira exposición náutico pesqueira moi importante. Pensamos que é agora unha das máis notorias de todo o estado español pola calidade dos seus stands e pola presenza de moitísimas novidades con respecto á pesca. Despois están as xornadas técnicas que consideramos que son interesantísimas, actuais e para aquela xente a que lle preocupa o sector náutico pesqueiro. E tamén temos o encontro empresarial, que sempre saca unhas conclusións que son realmente importantes para o sector, e contamos con algo importantísimo este ano como é o pleno do consello galego, que ofrece unha importancia complementaria para a feira Expomar”.

0.20092606544495