Expomar consolídase en Burela como epicentro da pesca galega e estatal

A vila de Burela volve acoller esta semana unha nova edición de Expomar, a gran cita galega e estatal para o sector náutico-pesqueiro, que se celebra dende este mércores e ata o sábado 10 de maio nas instalacións portuarias da localidade. A feira, organizada pola Fundación Expomar e apoiada pola Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Goberno de España, conta cunha achega de 15.000€ por parte da institución provincial, como mostra do seu compromiso cun sector estratéxico para a Mariña e para toda a provincia.
Durante o acto inaugural, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou o carácter estratéxico da feira, sinalando que Expomar “é un espazo de encontro que conxuga tradición e innovación, un lugar de coñecemento e reflexión, con forte arraigamento, pero tamén con clara vocación de futuro”. Acompañárono a alcaldesa de Burela e presidenta da Fundación Expomar, Carmela López, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e representantes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
A feira desenvólvese sobre tres grandes piares: a zona expositiva, con máis de 5.000 m² e 350 firmas nacionais e internacionais; as Xornadas Técnicas, que cumpren 32 edicións; e o Encontro Empresarial, que celebra o seu 26 aniversario.
O Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, celebrado o xoves 8 pola mañá, reuniu ás principais entidades da frota galega e estatal para debater sobre os desafíos actuais do sector. Pola tarde, deron comezo as Xornadas Técnicas na Confraría de Pescadores, coa participación do director de Europêche, Daniel Voces, e representantes institucionais, afondando nos retos da xestión pesqueira e nas perspectivas para o novo mandato europeo.
O venres pola mañá, a segunda xornada técnica afondará en cuestións como a socioeconomía do mar, a sustentabilidade e o consumo de peixe, reivindicando o peixe como produto de saúde, cultura e economía local.
Paralelamente, Expomar tamén acolle unha ampla programación divulgativa e gastronómica. O venres ao mediodía, os Armadores de Burela e a OPP Puerto de Burela ofrecerán a xa tradicional degustación de Peixe de Burela, mentres que o sábado ao mediodía terá lugar o espectacular ronqueo dun peixe espada de máis de 100 kg, patrocinado por INTERFISH-España e executado polos especialistas de Matrice Tuna. Ao rematar, haberá unha degustación de receitas con peixe espada.
Outras actividades destacadas inclúen a xornada sobre axudas do IGAPE para empresas galegas, prevista para o venres pola tarde, e a presentación da Red de Turismo Pesquero de España, o sábado, da que a Fundación Expomar é entidade promotora.
No recinto feiral están presentes tamén administracións e entidades clave, como a Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, o Instituto Social da Mariña, a Federación de Confrarías de Lugo, Pesca España, a Deputación de Lugo e o propio Concello de Burela.
Con esta edición, Expomar reafírmase como unha fiestra aberta ao mar, que visibiliza o traballo dunha industria fundamental para Galicia, cun evento que trascende a economía para reivindicar unha forma de vida, unha identidade e un saber facer construído durante xeracións.