Expomar clausurou as XXIX Xornadas Técnicas en Burela

AMariñaXa
A clausura das Xornadas Técnicas 2022 correu a cargo da secretaria xeral de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación
Expomar 2022 Xornadas Tecnicas   2 día    (7)
20 May 2022

Neste ano, a temática centrouse en debater arredor do novo escenario marcado polas dificultades e desafíos que ten que afrontar o sector pesqueiro nunha época de diferentes crises que lle afectan directamente.

A clausura das Xornadas Técnicas 2022 correu a cargo da secretaria xeral de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz, que  estivo acompañada do presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela,  Alfredo Llano; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; e Narciso González en representación da  Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

A secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz defendei durante o acto de clausura o proxecto de lei de Pesca Sostible, unha proposta “de todos e para todos” que  “incorpora o principio de sostibilidade, abarcando de modo equilibrado os seus tres  compoñentes: os recursos pesqueiros, a cohesión social e o emprego, e a  rendabilidade económica”.

Pola súa parte, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, defendeu a pesca  como actividade estratéxica e esencial e solicitou “un plan industrial para A Mariña e a provincia de Lugo, que aproveite as nosas materias primas de primeira calidade e as grandes potencialidades que teñen sectores como a pesca, o leite, a carne ou a madeira, ademais de zonas e paisaxes moi variadas, desde a costa ata a Ribeira Sacra”.

Previamente celebrouse a segunda xornada “Sostibilidade, saúde e comportamentos de compra”, na que se seguiu promocionando o consumo de  peixe, o coidado da saúde e a defensa dun medio sostible.

Moderada pola secretaria adxunta de Cepesca, Rocío Béjar, na segunda xornada  técnica participaron Cristina Cucullo, mánager da área de estudos ao consumidor de  Kantar; Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela; e Guillermo Aldama, cardiólogo do CHUAC, membro da Sociedade Española de Cardioloxía e da Fundación Española  do Corazón, que se conectou vía telemática.

Durante a clausura das Xornadas Técnicas 2022, o presidente da Fundación  Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, convocou xa a tódolos asistentes, tanto  os presentes no salón de actos da confraría de pescadores de Burela como as  personas que seguiron as xornadas a través da web www.expomar.com, á próxima  edición do evento, que se celebrará en maio de 2023 coincidindo coa 19ª edición da  feria náutico pesqueira Expomar.

A Fundación Expomar aposta decididamente polo mar non só coa celebración da feira bienal, as xornadas técnicas ou o encontro empresarial, senón con outra serie  de accións de apoio ao sector pesqueiro. Nestes últimos anos dirixíronse especialmente cara o ámbito da saúde e o consumo de peixe, como por exemplo as  xornadas sobre nutrición Come Sano, Come Peixe en decembro de 2021 ou as  xornadas de nutrición e saúde mental Mens Sana in Corpore Sano, o pasado mes  de abril.

As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están promovidos pola Fundación  Expomar, en colaboración coa Deputación de Lugo e a Autoridade Portuaria de  Ferrol San Cibrao, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.

“Dende a Deputación de Lugo seguimos reivindicando que é imprescindible deseñar e poñer en marcha canto antes un Plan Industrial por parte da administración coas competencias nesta materia, que no caso de Galicia, é a Comunidade Autónoma, que aproveite a enorme riqueza e as potencialidades que temos”, incidiu José Tomé Roca.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na última xornada deste foro, destacando o seu importante labor de potenciación do carácter pesqueiro da provincia e que sitúa á Mariña como referente á hora de abordar os problemas e incertezas do sector, así como a mellora do seu valor e competitividade.

Afirmou en varias ocasións que a pesca sempre foi unha actividade estratéxica, pero que esta pandemia e a invasión de Ucraína “ratifican a importancia de contar con sectores primarios fortes, de ter sistemas de abastecemento complementarios das grandes rutas do comercio mundial, que poidan achegar alimentos á poboación se esas grandes rutas quedan interrompidas”.

Ademais, dixo, “a pesca é riqueza en si mesma, pero tamén é un elemento que axuda á promoción do territorio e á captación de turismo”. Puxo como exemplo programas que a Deputación ten en marcha como Coñece a túa provincia cuxos participantes valoran os portos e a actividade pesqueira como un atractivo fundamental da costa lucense, ou o programa Saborea a túa Provincia, onde os produtos do mar acadan un enorme recoñecemento.

Outro exemplo que puxo o mandatario provincial desta excelencia foi cando no evento culinario Madrid Fusión, celebrado en marzo, “o actor Robert de Niro pedía pan para mollar na salsa dun plato que lle preparara o chef Martín Berasategui. O plato eran unhas cocochas de merluza de Burela. Polo tanto, un dos mellores actores do mundo, servido por un dos mellores cociñeiros da historia, degustando un dos manxares máis saborosos, procedente da Mariña”, referiu.

“Este é o nivel de excelencia dos produtos pesqueiros desta comarca e da nosa provincia. E este é o nivel de recoñecemento e de proxección que busca, ano tras ano, o traballo de Expomar”, afirmou, reiterando o compromiso que a Deputación de Lugo ten e seguirá mantendo a Expomar, “porque o apoio aos sectores produtivos, sobre todo ao sector primario, é unha das liñas de actuación prioritarias nas que estamos traballando dende a institución, en colaboración con Expomar e en colaboración co tecido asociativo e produtivo da provincia”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18022298812866