Éxito rotundo nos campamentos de verán organizados polo Concello de Burela

AMariñaXa
Estes campamentos, celebrados no CEIP Virxe do Carme durante os meses de xullo e agosto, foron organizados pola Aula Gaia de Educación Medioambiental.
campamento_burela
27 Ago 2024

O Concello de Burela fixo un balance moi positivo dos seus campamentos de verán, nos que participaron un total de 75 nenas e nenos en cada un deles. Estes campamentos, celebrados no CEIP Virxe do Carme durante os meses de xullo e agosto, foron organizados pola Aula Gaia de Educación Medioambiental.

Lina Gómez, concelleira responsable da Aula Gaia, destacou a variedade de actividades realizadas polos cativos, sinalando que "as actividades foron máis alá das típicas en campamentos deste tipo, incluíndo sesións de cinema, xogos, manualidades e moitísimo máis". Gómez subliñou o éxito da edición deste ano e expresou o seu agradecemento a todas as familias, participantes e persoas implicadas na organización.

Entre as actividades máis destacadas estiveron a visita da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), que organizou xogos para concienciar sobre a importancia da protección solar, así como unha ruta de sendeirismo coa asociación Pasada das Cabras xunto aos usuarios e usuarias da Fundación Eu Son.

Ademais, leváronse a cabo diversas iniciativas para celebrar a renovación da bandeira azul tanto para o centro Gaia como para a praia do Portelo. Os nenos e nenas tiveron a oportunidade de aprender sobre medusas, reciclaxe e conservación mariña, ademais de participar nun xogo de pesca que serviu para concienciar sobre os perigos da pesca excesiva.

Outras actividades destacadas foron a visita a unha panadería, onde os máis pequenos puideron preparar pan e pizza, as saídas á praia, unha xornada de tenis na Marosa co club local, e a visita á Confraría de Pescadores. O éxito dos campamentos reflicte o compromiso do Concello de Burela coa educación medioambiental e o benestar da cativada local, consolidándose como unha iniciativa clave na programación estival do municipio

0.15938687324524