Éxito na recollida de xoguetes e roupa solidaria do Concello de Burela
Rematou a campaña de recollida de xoguetes e roupa para enviar aos nenos e ás nenas de Cabo Verde, que organizaron a Fundación Expomar e a Concellería de Inmigración, Cooperación e Integración.
A edil Noelia Mª Ben contou que “xa recollemos todo o material, estamos desbordados porque recibimos moitísima roupa e xoguetes. Queremos dar as grazas aos coles, ás garderías, á Fundación Expomar onde fixemos a recollida máis no Concello e a toda a xente de Burela que colaborou. Estamos encantados coa colaboración e a solidariedade que houbo”.
A concelleira de Inmigración e Cooperación dixo que “tamén son peza fundamental nesta iniciativa os armadores bureleses de palangre de superficie que faenan nos caladoiros atlánticos das augas de Cabo Verde, xa que ofrecen os colectores dos seus buques para facer chegar directamente o material recadado ata o Porto de Mindelo, na Illa de Sao Vicente”.