Éxito na realización do tramo Viveiro-Ourol do Camiño do Nordés
Arrancou onte dende a explanada da Variante, no porto de Viveiro, a ruta entre a vila e Ourol. Una iniciativa enmarcada no Camiño Nordés (de Viveiro a Vilalba) e impulsada pola asociación Camiño Real, encabezada por Antonio Pereiras.
A alcaldesa da vila, María Loureiro, uniuse aos máis de 80 participantes que tomaron a saída as 10:00 da mañá. A rexedora local e o tenente de alcaldesa, Jesús Fernández, repartiron entre todos eles mochilas con froita e auga antes de comenzar a andaina, así como a credencial acreditativa deste tramo.
Tamén participaron na saída os representantes municipais dos concellos polos que transcorre a ruta: O alcalde de Xermade, Roberto Garcia; de Muras, Manuel Requeijo; de Ourol, José Luís Pajón e as alcaldesas de Vilalba, Elba Veleiro e de Viveiro, María Loureiro.
Os camiñantes iniciaron a xornada polo paseo fluvial ata Portochao e logo subiron á Rúanova, en Magazos. As nove persoas que farano a cabalo saíron do mesmo punto e foron logo pola estrada LU-540 ata a Rúanova. Dende alí, estes últimos colleron cara a Galdo, para acceder ao Malló, Cruz do Pousadoiro e, dende alí, cruzar para chegar ao Campo de Fútbol de Ourol. Pola súa banda, os camiñantes, dende a Rúanova baixaron cara a Landrove para atravesar o río Landro pola ponte vella, ir ao Cristo, Toxeiras, para cruzar no camiño que sube ata a Redoada; dende alí continuarán cara a Vilares e Merille, para rematar tamén no Campo de Fútbol de Ourol.
Este ruta do Camiño Nordés ten un total de 12 quilómetros e un percorrido de dificultade media-baixa. Con motivo desta ruta, realizarase un xantar campestre en San Antonio da Xestosa, para o que era preciso anotarse previamente. Neste caso, o desprazamento, unha vez finalizado o xantar, será polos seus propios medios. Nesta ruta, que se está intentando potenciar, están inmersos os concellos de Viveiro, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba. A idea partiu da Asociación Camiño Real, de Muras, coa colaboración da Asociación Cultural Roteiros da Carba e Amigos dos Cabalos de Muras, indicando que xa se teñen realizado os restantes tramos entre Ourol e Muras, Muras e Pepa a Loba, e Pepa a Loba e Vilalba.