Éxito da primeira edición da Rapa das Bestas de Neipín
O deputado de Rural Daniel García asistiu este sabado á primeira edición da Rapa das Bestas de Neipín, na Pontenova, que nace da man da asociación Equus Norte coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Máis dunha vintena de aloitadoras e aloitadores colaboraron nas tarefas de rapa e marcado de cabalos e eguas no curro instalado no alto de Neipín, onde se mantivo a actividade ao longo da xornada cun xantar, animación musical e un espectáculo de doma.
Daniel García felicitouse "polo nacemento desta nova rapa, a terceira da comarca da Mariña, para visibilizar e impulsar o recoñecemento social da gandaría, e especialmente da cría en extensivo, na conservación do territorio e da vida no rural". Neste sentido, valorou "o traballo e a iniciativa das persoas que colaboraron na organización, que transmiten unha gran paixón e orgullo polo que fan".
A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoiou a organización da rapa cunha achega para a instalación do curro, que permitirá a celebración das actividades deste ano e en futuras edicións. A área provincial tamén colabora no financiamento doutros gastos como a degustación da carne de poldro de pura raza galega que se realizou o venres nos locais de hostalaría da vila da man de Puraga.