Evangelina Martínez celebra en Cervo o seu 101 aniversario cheo de vitalidade

O Concello de Cervo celebrou este domingo, coincidindo coa festividade do Pilar, un aniversario moi especial: o de Evangelina Martínez, veciña de Cuíña que cumpriu nada menos que 101 anos. A alcaldesa, Dolores García Caramés, quixo sumarse persoalmente á homenaxe e achegouse ata o seu domicilio para felicitala e facerlle entrega dun ramo de flores como mostra de afecto e recoñecemento.
Evangelina é, segundo destacan os seus achegados, un exemplo de vitalidade, alegría e bo humor. Sempre cun sorriso e unha palabra amable, transmite unha enerxía positiva que, din, é o verdadeiro segredo da súa longa vida. “Ten unha forza e unha luz que contaxian a todos os que a rodean”, comentaron desde o Concello, que lle desexa “moitos máis anos cheos de saúde e felicidade”.
Totalmente autónoma e cunha memoria prodixiosa, Evangelina conserva unha enorme claridade mental e garda na lembranza innumerables anécdotas e momentos vividos que lle gusta compartir coa súa familia e con quen se achega a visitala.
Ao longo da súa vida dedicouse á labranza, traballando con esforzo e dedicación no campo, e hoxe continúa mantendo unha rutina activa: sae a pasear cada mañá e desfruta das pequenas cousas do día a día. É tamén amante da boa comida, especialmente dos produtos do mar, entre os que destacan os ourizos e o peixe, que, segundo confesa, “son o mellor manxar do mundo”.
Rodeada do cariño dos seus seis fillos, once netos e dez bisnetos, Evangelina é unha muller moi querida en toda a parroquia de Cuíña e símbolo dunha xeración que fixo da constancia e o optimismo unha forma de vida.
Desde o Concello de Cervo subliñaron o orgullo que supón contar con veciñas como ela, “que representan a memoria viva do noso municipio e un exemplo de fortaleza e alegría”.