A actividade mineira non afecta ao patrimonio cultural de Foz, segundo a empresa

Foz
AMariñaXa
Segundo a entidade afirman que mediante "dous estudos arqueolóxicos intensivos e validados pola administración" demóstrase que a súa actividade extractiva non afecta ao perímetro de protección
nuestra-señora-begoña-Mina-Foz-Euoarce-2025
30 Jan 2025

A empresa Euroarce Caolines vén de comunicar que "a súa actividade mineira non afecta ao patrimonio cultural de Foz" trala denuncia de ADEGA ante a Fiscalía Delegada de Medio Ambiente do TSXG contra o Concello de Foz, o servizo territorial de Enerxía e Minas de Lugo e o servizo territorial de Patrimonio Cultural de Lugo por incumprimento das respectivas competencias en relación ás súas denuncias contra a empresa Euroarce, polo inicio dunha explotación mineira de caolín dentro da zona ocupada polo xacemento arqueolóxico da Mina Romana da Espiñeira en Foz, incluída no catálogo do Patrimonio Cultural de Galiza e no do PXOM de Foz coa referenza GA2701902.

"Mina Begoña é unha concesión de explotación de caolíns operada por Euroarce Caolines desde 2020 no termo municipal de Foz, que leva activa desde hai décadas e que conta con todas as licenzas, permisos e autorizacións necesarias", din desde a empresa.

"Nos últimos anos, extraéronse desta mina caolíns que foron expedidos por vía marítima desde Ribadeo durante diferentes campañas", engaden, "dentro do espazo da concesión de Mina Begoña, nunha zona sen explotar, creouse en 2018 un perímetro de protección cultural definido polo Plan Xeral de Ordenación Municipal coa denominación Explotación mineira da Espiñeira".

Co obxectivo de delimitar a súa área de influencia, en 2022 Euroarce Caolines encargou a un perito experto a prospección e análise arqueolóxica do terreo, coa supervisión e autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Turismo de Lugo).

O informe concluíu que “non se atoparon elementos de Patrimonio Cultural de interese nas zonas localizadas ao Leste, Sur e Oeste da explotación, quedando en dúbida as zonas ao Norte debido ao elevado grao de vexetación existente”, sinalan. Posteriormente, xa no ano 2024 e, igualmente, de forma voluntaria por parte de Euroarce Caolines, solicitou un novo proxecto de prospección arqueolóxica para unha zona limítrofe coa actual explotación, co fin de verificar as dúbidas que a anterior prospección arqueolóxica non aclarara.

Tras a prospección realizada, confirmaron que na zona estudada “non se atoparon vestixios mineiros e culturais antigos” e, por tanto, a zona onde se pretende realizar as labores de explotación é “totalmente compatible co Patrimonio Cultural”, contando con resolución favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a finais de 2024.

Deste xeito, testemuñouse mediante "dous estudos arqueolóxicos intensivos, validados pola administración", que Euroarce Caolines realiza e realizou a súa actividade extractiva sen afectar ao perímetro de protección do Patrimonio Cultural en Mina Begoña.

0.16750693321228