Euroarce defende a legalidade e o respecto patrimonial das súas actividades na Mina Begoña en Foz

Foz
AMariñaXa
A empresa asegura contar con dous informes arqueolóxicos intensivos que descartan a existencia de vestixios na zona de explotación en Foz
espineira-foz-mina-romana-imaxes-cos-datos-do-traballo-de-delimitacion-dos-xacementos-da-DXPC-de-2019-2
29 Oct 2025

A empresa Euroarce Caolines manifestou que a súa actividade extractiva na Mina Begoña, situada no termo municipal de Foz, se desenvolve “con todas as autorizacións administrativas en vigor e sen afectar ao patrimonio cultural”, en resposta ás informacións difundidas pola asociación ecoloxista Adega e recollidas por diversos medios de comunicación.

A compañía lembra que a Mina Begoña é unha concesión de explotación de caolíns que leva activa desde hai décadas e que é operada por Euroarce Caolines desde o ano 2020, contando con todas as licenzas, permisos e autorizacións necesarias. Segundo precisan, nestes días lévanse a cabo operacións mineiras ordinarias dentro do perímetro autorizado, “cumprindo escrupulosamente coa normativa vixente”.

O espazo no que se sitúa a concesión mineira conta, desde o ano 2018, cun perímetro de protección cultural definido polo Plan Xeral de Ordenación Municipal baixo a denominación de Explotación mineira da Espiñeira. Co obxectivo de delimitar con precisión a área de influencia dese ámbito, a empresa encargou en 2022 unha prospección arqueolóxica baixo supervisión e autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

O informe técnico resultante concluíu que “non se atoparon elementos de Patrimonio Cultural de interese nas zonas localizadas ao Leste, Sur e Oeste da explotación, quedando en dúbida as zonas ao Norte debido ao elevado grao de vexetación existente”.

De maneira voluntaria, Euroarce Caolines promoveu un novo proxecto de prospección arqueolóxica en 2024, ampliando o perímetro xa estudado dous anos antes. Este segundo estudo confirmou que “non se localizaron vestixios mineiros nin culturais antigos”, declarando a zona “totalmente compatible co Patrimonio Cultural”, segundo recolle a resolución favorable emitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a finais de 2024.

A empresa subliña que estes dous estudos arqueolóxicos intensivos, validados pola administración autonómica, acreditan que a actividade extractiva desenvolvida na Mina Begoña “non afecta ao Patrimonio Cultural”, e defende o seu compromiso cunha explotación responsable e respectuosa co medio e coa contorna histórica.

⚙ Configurar cookies
0.080524921417236