Estudantes de Ribadeo comparten experiencias coa atleta olímpica Nary Ly
O IES Ribadeo, como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo, despediu maio cunha actividade moi especial: unha charla coa atleta olímpica Nary Ly. A súa experiencia de vida cubre aspectos emocionais, educativos e deportivos que servirán de acicate a todo o alumnado ribadense.
Un total de case 200 alumnos e alumnas tiveron a oportunidade de compartir con esta atleta olímpica experiencias e emocións que ao longo de dúas horas a protagonista expresou tanto a través de videos como da súa propia voz e sentimento. Un relato que comeza na súa infancia en Camboia e que a levou por circunstancias sociais e políticas ata Francia, Estados Unidos, Camboia,... e finalmente a León, onde reside na actualidade.
A situación histórica do seu país nos anos 70, os horrores da separación dos seus familiares e o paso por campos de traballo e adoctrinamento, a saída cara unha nova vida en occidente, cunha segunda familia en Francia e a posibilidade de formación en liberdade, e o deporte como opción de vida, forman parte dalgúns dos capítulos que a nosa atleta olímpica relata no seu libro autobiográfico. Un libo que resume en tres palabras os principios vitais da súa traxectoria: Supervivente, científica, olímpica.
O seu desexo de solidariedade e cooperación e o obxectivo de transmitir os seus valores de superación e sacrificio representan o marco no que Nary Ly desenvolve a súa actividade nos colexios e institutos, e en calquera parte que a poidamos encontrar e manter unhas palabras con ela.
Unha oportunidade única para coñecer directamente a unha persoa que encarna os valores desexables para a nosa sociedade e que debemos compartir para conseguir un mundo mellor. A súa actitude e a súa paixón pola vida quedarán marcadas de forma indeleble no ánimo do noso alumnado. Como ela misma escribe no seu libro: “Solo anhelo que este libro despierte y anime a cuantos creen que otro mundo es posible. Que piensen que si yo he podido ver cumplidos mis sueños, también ellos podrán conseguirlo...”.