Estudantes de Lugo, Viveiro, Ribadeo e Vilalba reciben premios a proxectos de innovación
A Xunta de Galicia vén de resolver os Premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da Formación Profesional, cos que se recoñece o traballo de 45 centros, entre coordinadores e colaboradores. A relación de iniciativas galardoadas pode consultarse no Portal Educativo.
O obxectivo destes galardóns, que teñen unha dotación económica total de 840.000€, é potenciar as iniciativas innovadoras no ámbito da FP, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, procurando a calidade e a excelencia na Formación Profesional e o fomento do emprendemento.
A esta convocatoria presentáronse un cento de proxectos, superando a participación de anos anteriores, con 49 centros coordinadores, 64 centros participantes, 167 entidades colaboradoras e máis de 250 docentes implicados. O maior aumento de propostas produciuse na modalidade B, correspondente a proxectos de innovación didáctica cun total de 55 proxectos presentados, fronte os 45 de innovación tecnolóxica ou científica.
Nesta convocatoria valorouse o potencial dos proxectos presentados para ser continuados desde o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros para dar lugar a iniciativas de emprendemento no seu viveiro industrial, como promotor da innovación aplicada na FP galega.
Innovación tecnolóxica ou científica
Do total dos premios, 17 son para proxectos da modalidade A, que teñen como obxectivo a xeración de innovación tecnolóxica ou científica, que redunden na mellora de procesos de produción ou de prestación de servizos. As iniciativas debían estar orientadas a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e a contorna produtiva, así como ter unha incidencia significativa na futura inserción laboral do alumnado e na súa empregabilidade, favorecendo a aparición de oportunidades laborais e iniciativas empresariais.
Nesta modalidade resultaron premiados tres proxectos na provincia de Lugo:
- CIFP As Mercedes: Design Thinking, o deseño como ferramenta de transformación. Tecnoloxías Fab Lab en contornas colaborativas.
- CIFP Politécnico: Sistema de movemento e posicionamento por levitación magnética.
- IES María Sarmiento Viveiro: Coches iónicos made in Galicia.
Innovación didáctica
No caso dos proxectos de innovación didáctica, outórganse 19 galardóns. Nesta modalidade as iniciativas debían ter como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan unha clara innovación nalgunha das familias profesionais.
Neste sentido, pedíase que estivesen orientados á introdución e á aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, potenciando o deseño de materiais didácticos, deseño de prototipos ou simuladores, laboratorios para prácticas ou maquetas, aplicacións informáticas, etc. Ademais, eses materiais debían ser doadamente trasladables a outros centros educativos onde se impartan as ensinanzas para as que foron deseñados.
A relación de iniciativas galardoadas para a provincia de Lugo é a seguinte:
- CEE Santa María:Creando un patio para todos.
- CIFP Politécnico: Virtual Commissioning: do xemelgo dixital a posta en marcha virtual.
- CIFP Porta da Auga de Ribadeo: Construción dunha maqueta sobre o sistema de freado ABS.
- IES Lois Peña Novo de Vilalba: Maqueta Pila de combustible de hidróxeno.