Estudantado de Cervo e Culleredo compite con IA para mellorar a seguridade na industria química

AMariñaXa | ACoruñaXa
Estudantes do IES Marqués de Sargadelo e do CIFP Universidade Laboral de Culleredo participan no programa InnovaTech FP
cervo-cull
11 Apr 2025

A innovación aplicada dende a Formación Profesional galega avanza con forza da man do programa InnovaTech FP, unha iniciativa da Xunta que promove a colaboración entre centros educativos e empresas punteiras. Nesta ocasión, os protagonistas son estudantes do IES Marqués de Sargadelos, en Cervo, e do CIFP Universidade Laboral de Culleredo, que veñen de ser seleccionados para participar nun dos retos máis tecnolóxicos do programa: o deseño dun sistema de análise preditiva con intelixencia artificial para maquinaria crítica da industria química.

O reto, formulado pola compañía Repsol no seu complexo industrial da Coruña, propón crear unha solución capaz de anticipar fallos en bombas industriais mediante o estudo de vibracións, optimizando así os custos operativos e aumentando a seguridade das instalacións. Os equipos seleccionados visitaron recentemente as instalacións de Repsol para coñecer de primeira man as características técnicas do proxecto, resolver dúbidas e recibir orientación directa dos profesionais da compañía.

Agora, os equipos de Cervo e Culleredo dispoñen ata o final de curso para desenvolver as súas propostas, nas que contarán co apoio técnico e formativo do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros. Entre os contidos que abordarán figura o prototipado de solucións industriais, un campo clave para converter as ideas en proxectos reais.

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, destacou na presentación do reto a importancia destas iniciativas para "impulsar a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo galego e fomentar o talento tecnolóxico da mocidade". Agradeceu tamén o compromiso de Repsol coa FP galega e co fomento de novas formas de colaboración entre empresas e centros formativos.

No total, 60 equipos de 37 centros educativos de Galicia participan nesta segunda fase de InnovaTech FP, centrada en dar resposta a 20 retos reais formulados por empresas dos principais sectores produtivos da comunidade. A proposta de Repsol, na que participan Cervo e Culleredo, é unha das máis complexas polo seu alto contido tecnolóxico.

Esta iniciativa forma parte da Estratexia de FP Galicia 2030 e do Plan Innova FP, que busca reforzar a innovación, o emprendemento e o desenvolvemento industrial e rural, apostando pola formación como motor de cambio.

⚙ Configurar cookies
0.14798092842102