Estudan mellorar o saneamento e abastecemento de augas en Ribadeo
A Xunta de Galicia e o Concello de Ribadeo estudan fórmulas de colaboración de cara a mellorar o saneamento e abastecemento de augas na localidade. Nesa liña, nunha reunión que mantiveron recentemente a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Daniel Vega, analizaron a situación da iniciativa para mellorar o saneamento do núcleo urbano.
Tal e como lle avanzou a conselleira ao rexedor, a previsión é adxudicar despois do verán a elaboración dun estudo previo para analizar as actuacións de mellora a desenvolver na rede de saneamento do núcleo urbano, que foi licitado o pasado mes de marzo, cun orzamento de preto de 280.000 euros.
A maiores, durante o encontro tamén avaliaron a necesidade de implementar melloras no sistema de abastecemento de auga e dar solución ao problema que supoñen as perdas que sofre a rede. Cómpre indicar que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á s súa veciñanza.