Estibadoras de Burela: A voz dun oficio invisible que sostén a lonxa

Por Ana Somoza.
A historia da cooperativa de estibadoras de Burela O Cantiño é tamén a historia dunha parte silenciosa do sector pesqueiro, un traballo esencial que durante décadas permaneceu practicamente invisible. Á fronte desta cooperativa integrada exclusivamente por mulleres atópase Begoña Pernas Pernas, que leva nove anos desempeñando un labor que, segundo ela mesma explica, “non se ve, pero nótase moito cando non está ben feito”.
Begoña chegou á cooperativa seguindo un camiño marcado pola tradición familiar e tamén polos acordos internos que durante anos permitiron manter vivo o oficio. “Empecei ao retirarse unha tía que levaba traballando 21 anos. Tiñan o acordo de que cando se retiraba unha, tiña preferencia un familiar”, lembra. Aquel foi o seu punto de entrada a un mundo que coñecía ben desde pequena, porque, como ela mesma resume, “veño dunha familia mariñeira de toda a vida”.
Na súa casa, o mar nunca foi algo alleo. A nai foi redeira, o pai patrón de pesca e os avós tamén estiveron ligados ao sector. “Medrei escoitando falar do mar, dos barcos e das mareas”, conta, deixando claro que o seu traballo actual non é unha casualidade, senón a continuidade dun vínculo xeracional cun sector que marcou a identidade de Burela durante décadas.
ORIXES. A cooperativa de estibadoras de Burela naceu no ano 1988, nun contexto social e laboral moi distinto ao actual. Naquel momento, as mulleres tiñan unha presenza constante no ámbito mariñeiro, pero moitas veces como apoio informal, sen recoñecemento nin dereitos. “As mulleres eran un complemento para a casa”, lembra Begoña, explicando que axudaban no que podían, pero sen seguro nin cotización.
Foi precisamente esa situación a que levou a un grupo de mulleres a organizarse. “Hai 37 anos pelexaron por cotizar para ter un retiro sen depender da pensión dos homes”, sinala. A creación da cooperativa supuxo un paso decisivo para dignificar un traballo que xa se realizaba, pero que non estaba recoñecido como tal. “Daquela a maioría do pobo vivía do mar e as mulleres estaban coas tarefas da casa, pero tamén traballaban”, engade.
As primeiras integrantes da cooperativa xa están hoxe retiradas, pero deixaron un legado que continúa vivo. “Grazas a elas estamos aquí”, recoñece Begoña, que considera que aquela decisión foi “valente e moi necesaria”, especialmente nun tempo no que non era habitual que as mulleres se organizasen para reclamar dereitos laborais.

MADRUGADA. O traballo das estibadoras comeza cando boa parte da vila aínda dorme. As xornadas arrincan de noite ou de madrugada, cun horario que varía segundo a actividade dos barcos e as mareas. “A nosa función é clasificar o peixe que traen os pincheiros volanteiros e un arrastreiro de altura que temos”, explica a presidenta da cooperativa.
Non hai unha hora fixa de entrada. “Varían as horas segundo a cantidade de barcos que haxa e segundo a marea”, detalla. Cada mañá, é Absa quen chama ás estibadoras para indicarlles cando deben estar na lonxa. “Chámannos todos os días pola mañá para dicirnos a que hora temos que entrar”, relata.
Cando chegan os barcos ou os camións, especialmente nos períodos de campaña en Irlanda ou Francia, comeza un proceso minucioso que require experiencia e atención constante. “Os mariñeiros botan as caixas de peixe que soben en lingadas para a mesa”, describe Begoña. A partir dese momento, o traballo é continuo e físico: arrastrar as caixas, abrir, revisar e clasificar.
OFICIO. A clasificación do peixe é unha das tarefas máis delicadas e decisivas de todo o proceso. “Clasificamos o peixe por tamaño, especie e frescura”, explica. Cada caixa debe conter pezas do mesmo calibre. “Se é pescada, ten que ir toda do mesmo calibre”, puntualiza, consciente de que un pequeno erro pode ter consecuencias económicas importantes.
Nos barcos, o espazo é limitado. “Eles non teñen moito sitio e cando hai moito peixe enchen as caixas para metelo na neveira”, indica. Iso implica que, ao chegar á lonxa, as estibadoras teñen que “visualizar esas caixas” e recompoñelas sobre a mesa. “Se nunha caixa non vale un peixe ou dous, sácalos e complétalos con outro doutra caixa”, explica.
Todo este proceso faise practicamente “a ollo”, apoiándose na experiencia acumulada ao longo dos anos. “Xa o facemos sen pensar, porque temos moita práctica”, asegura. Ademais, hai que ter en conta a orde das capturas. “As primeiras lingadas son do último lance, do último día que estiveron pescando, e ese peixe vén fresquísimo”, explica. Por iso, “non se pode mesturar co peixe do primeiro día”.
Unha vez clasificado, o peixe chega á báscula. Alí, outra compañeira conta as pezas e comunícallas ao pesador, que pesa e etiqueta antes de que comece a venda. “A hora da venda depende do día, pero adoita empezar sobre as seis e media da mañá”, sinala Begoña, aínda que recoñece que “ás veces aínda estamos rematando cando xa se pode empezar a poxa”.
EQUIPO. Na actualidade, a cooperativa O Cantiño está formada por cinco socias e tres empregadas. A organización do traballo depende moito dos horarios dos barcos. “Nunca empezan todos á mesma hora”, explica Begoña. Por iso, adoitan dividirse en grupos. “Por exemplo, van catro mulleres para o primeiro barco en comezar a descarga e outras catro para o segundo”.
A medida que chegan máis barcos, as estibadoras van redistribuíndose. “Imos pasando unha muller de cada grupo ao seguinte barco que empeza”, relata. Non sempre hai persoal abondondo, e en ocasións o traballo recae sobre unha soa persoa. “Hai veces que che toca estar soa nun barco e facer todo”, admite.
Os luns e os xoves adoitan ser os días de maior carga de traballo. “Pode haber sete ou oito barcos entre barcos e camións”, explica. O arrastreiro de altura chega normalmente os luns pola tarde, mentres que os camións procedentes de Irlanda ou da Illa de Man chegan en ferry. “Traer o peixe desde Castletown en camión é máis rendible que facer toda a ruta por mar”, apunta.
DUREZA. O traballo das estibadoras é esixente a nivel físico. “É moi duro”, afirma Begoña sen dubidar. O esforzo repetitivo de arrastrar, levantar e baixar caixas pasa factura co paso dos anos. “Non é unha caixa nin dúas, son moitas, e sempre co mesmo movemento”, explica.
No seu caso, os ombros e os brazos son as zonas máis castigadas. “É o que peor levo”, recoñece. Ademais, o traballo faise ao aire libre, exposto á chuvia e ao frío. “Traballamos fóra, chova ou faga frío”, sinala, lembrando tamén as lesións habituais. “Hai moitas tendinites polo peso e polo esforzo”.
A isto súmase a diminución da actividade pesqueira. “Cada vez hai menos descargas e menos barcos”, explica, o que non reduce necesariamente o esforzo, senón que obriga a concentrar máis traballo en menos xornadas. “Hai que poñerlle ganas e ir con moito xeito para non lesionarse”, engade.
FUTURO. Un dos principais retos da cooperativa é o relevo xeracional. “Hai moi pouca xente nova que queira entrar”, lamenta Begoña. As condicións do traballo non resultan atractivas para as novas xeracións. “É de noite, é duro, colles pesos e acabas tocada fisicamente”, enumera.
Nese contexto, Begoña reivindica o recoñecemento legal do seu traballo. “Estaría ben que se nos dera o coeficiente redutor, igual ca ás redeiras e a outros traballos do mar”, afirma. Ela lembra que as estibadoras soportan xornadas nocturnas, esforzos físicos continuados e un elevado risco de lesións, factores que, ao seu xuízo, xustifican unha medida que permitiría adiantar a idade de xubilación. “O noso corpo reséntese moito co paso dos anos”, explica, convencida de que este recoñecemento sería tamén unha forma de dignificar un oficio tradicionalmente invisibilizado e maioritariamente feminino.
A presidenta considera que os oficios do mar están en perigo. “Estanse perdendo totalmente”, afirma, non só no caso das estibadoras, senón tamén a bordo das embarcacións. A falta de relevo ameaza a continuidade dun sector do que dependen moitas outras actividades. “Se a pesca falla, afecta a todo: pescadarías, tendas, talleres, roupa mariñeira”, lembra.
Begoña tamén reclama máis implicación das administracións. “Debería haber máis apoio”, insiste, convencida de que visibilizar o traballo das estibadoras é un primeiro paso. “Ata hai pouco tempo non se sabía nin que existiamos”, di, aínda que recoñece que iniciativas como o Día do Orgullo Mariñeiro axudaron a cambiar esa situación.
Sobre o que lle gustaría que soubese a veciñanza, é clara: “Facemos un traballo moi importante”. Reivindica o carácter emprendedor das mulleres da cooperativa. “Somos mulleres traballadoras, que logramos ter a nosa propia empresa e apostar por ela”, conclúe, cunha mestura de orgullo e preocupación polo futuro dun oficio que sostén, cada madrugada, o funcionamento da lonxa de Burela.