Este sábado terá lugar en Barreiros o primeiro sorteo da campaña de impulso ao comercio da comarca

AMariñaXa
So teñen que achegarse entre as sete e media e as oito e media pola Praza do Souto, de San Miguel, a obter as súas papeletas
presentacion-campana-comercio-foz-e-barreiros
24 Oct 2025

Este sábado, 25 de outubro, terá lugar en Barreiros o primeiro sorteo da campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense, que organiza a FCAM. En xogo estarán 500 en vales de compra.

Desde FCAM a súa presidenta, Carmen Cruzado, explica que “todas as persoas que desde o 20 ao 25 de outubro fagan as súas compras nos negocios asociados a Acia Foz-CCA e nos negocios de Barreiros poderán participar no sorteo. So teñen que achegarse entre as sete e media e as oito e media pola Praza do Souto, de San Miguel, a obter as súas papeletas. Por cada tícket de compra que nos amosen recibirán un boleto para participar no sorteo que realizaremos a partir das 20:30 horas. Haberá tres premios en vales de compra de 250, 150 e 100 euros”.

O tesoureiro e presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo, explica que “o obxectivo desta campaña é unha forte aposta polas compras no pequeno comercio, nese que temos a carón das nosas casas. E imos facelo traendo á Mariña a persoas destacadas pola súa profesión no ámbito do xornalismo, a escritura, o deporte ou o cine. Queremos que sexan un reclamo comercial e por iso van vir pasar unha fin de semana con nós”.

Ata Foz e Barreiros achegaranse esta fin de semana: Carlota Corredera, presentadora, directora e colaboradora de televisión. Na actualidade presenta No somos Nadie en TEN TV e colabora en varios programas de RTVE; David Insua, comunicador, colaborador de televisión en No somos Nadie e de radio en El despertador de RNE, e escribe na revista Semana; e Isidoro Valerio, periodista e comunicador en medios galegos desde hai 41 anos.

Paleo e Cruzado animan “á clientela dos negocios de Barreiros e de Foz a achegarse o sábado á Praza do Souto, de San Miguel, ao arranque desta nova campaña da FCAM De compras polo comercio da Mariña Lucense. Contamos cun gran comercio nesta comarca e cunha importante hostalería, que sempre sorprenden a quen nos visita ao longo de todo o ano. Desde a FCAM queremos seguir facendo Mariña, queremos contar con máis asociacións de comerciantes e hostaleiros nos pobos desta comarca para, entre todos, organizar máis eventos que contribúan á dinamización económica desta zona”.

A campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense está organizada pola FCAM e conta co financiamento da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.12086701393127