Este sábado, teatro infantil no Vicedo dedicado a Rosalía
Volve o Teatro profesional infantil á Casa da Cultura do Vicedo. Será o sábado 20 ás 19:30h e nesta ocasión tratando sobre Rosalía de Castro, cunha visión moi particular e optimista da mesma. Trátase dunha obra dirixida a un público infantil e familiar e que está dirixida por unha grande do teatro profesional galego: Fina Calleja.
Na descrición da obra podemos ler o seguinte: ROSALÍA é moito máis que un achegamento teatral á vida e obra de Rosalía de Castro, é un espectáculo necesario. Nesta montaxe, os nenos e nenas descubrirán en Rosalía a unha rapaza alegre, forte e curiosa como eles/as, que vive, xoga e goza no país da infancia. Esta Rosalía é unha obra de muller pensada para nenas e nenos de Primaria -e para as súas familias e docentes- por unha equipa de mulleres intensamente vencelladas ao teatro de palabras.
María Rosalía Rita tamén foi nena. As biografías non o contan, pero unha das grandes voces literarias da historia tamén foi nena e foi nena que cantaba e xogaba, que lía e comía chocolate. Esta Rosalía que aínda non precisaba apelidarse de Castro e que está a piques de marchar a Santiago é a protagonista desta obra de teatro que quere contarlles ás nenas e aos nenos que a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor.
Lembramos que mantemos as medidas de seguridade necesarias seguindo o protocolo fronte á covid-19 e, por tanto, a obra estará limitada a un total de 60 persoas.