Este sábado será a VII Festa da Castaña de Burela

AMariñaXa
O Concello de Burela organiza a 7ª Festa da Castaña que terá lugar na Praza da Mariña o sábado 12 de novembro
1 Festa da castana Burela 2022
10 Nov 2022

O vindeiro sábado, 12 de novembro, terá lugar en Burela a sétima Festa da Castaña. Haberá obradoiro infantil de confección de zonchos e chapas, contacontos, música tradicional e sorteo de agasallos, entre outras actividades, segundo deu a coñecer este mediodía o concelleiro de Cultura, José Díaz. 

O edil burelés dixo que “dende a Delegación de Cultura queremos recordarvos que esta fin de semana temos o sábado 12 outra nova edición da Festa da Castaña, que sempre celebramos nestes primeiros días de novembro. Será a sétima edición xa: empezamos a facela no ano 2015 e só se parou no 2020, pola pandemia. Ven cargada de actividades, penso que todas elas moi do gusto sobre todo dos máis peques porque empezará cun taller de confección de zonchos, que son unha especie de colares feitos con castañas que antigamente elaboraban os máis pequenos nas casas como un xogo tradicional, que recordamos desta maneira e que soe ter éxito porque xa os fixemos máis veces grazas á colaboración de Gaia, pertencente á Oficina de Medio Ambiente de Burela”.

José Díaz seguiu a relatar que “xa se estará durante a tarde preparando o magosto e a partir das 19 horas comezará o reparto dos cornetes de castañas, bolo preñado e viño, a un prezo de 2,50 euros; penso que é bastante asequible e así poderase degustar todo isto. Ás 19:30 horas aproximadamente teremos a actuación do contacontos Anxo Moure, con O castiñeiro con botas: unha árbore ven a vernos; é o título da súa actuación, que está destinada a todos os públicos pero en especial aos máis pequenos e ten unha temática que ten que ver coa época na que estamos e co magosto. Logo ás 20:30 horas actuará A.C.M. Dambara, grupo de música tradicional do pobo, é ás 21 horas teremos o sorteo de varios vales de diferentes colaboradores con esta Festa da Castaña. Unha vez que remate o sorteo nun escenario que estará na Praza da Mariña poderemos disfrutar de máis música tradicional a cargo tanto da Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia como de As Grileiras, nenas pandereteiras pertencentes a esta asociación que o fan moi ben, xa as coñece moita xente e poderemos volver gozar da súa actuación musical; ademais da presenza de Carapaus, outro grupo de música tradicional, neste caso de Pontevedra, e que tamén merece a pena, sen dúbida, coñecer o que fan”.

Os Bolechas visitan a vila 

O concelleiro de Cultura engadiu: “así que con todas estas actividades penso que temos un sábado moi completo, tendo en conta ademais que ás seis da tarde no auditorio de maneira gratuíta tamén teremos a actuación de Os Bolechas, que veñen coa obra O aniversario do avó. É unha actividade lúdica e didáctica, como sempre soe ser o estilo de Os Bolechas, que combinan xogo e diversión para a aprendizaxe dos máis pequenos. Sempre atraen moita presenza de nen@s e estamos seguros de que nesta ocasión tamén. Ademais coincide ben porque será ás 18 horas e, unha vez que acabe a actuación de Os Bolechas no auditorio, xusto alí, na Praza da Mariña, teremos a Festa da Castaña”.

Festa da castana Burela 2022
bolechas burela
0.19089603424072