Este sábado darán comezo as festas patronais de Burela

AMariñaXa
Burela celebrará as súas festas patronais cun formato adaptado aos tempos actuais que seguen marcados pola pandemia.
26 May 2021

Burela celebrará as súas festas patronais cun formato adaptado aos tempos actuais que seguen marcados pola pandemia. Haberá pregón, animación musical polas rúas, actos relixiosos e a confección dunha alfombra floral na praza do Concello, entre outras actividades. O pregoeiro deste 2021 será Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores e presidente da confraría de Burela. A programación comezará o 29 de maio e rematará o 8 de xuño.

A presidenta da comisión organizadora das festas patronais de Burela, Toñi Eijo, anunciou que “o día 29 de maio, ás oito da tarde, temos o pregón a cargo de Basilio Otero. Elixímolo por estar na Confraría de Burela, que sempre apoiou e apoia as festas de Burela, en concreto tamén el.

É presidente da Federación Nacional de Cofradías e Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Burela. Despois do pregón, haberá un concerto do grupo Nostálgica. O domingo, 30 de maio, de dez da mañá a unha da tarde, na praza da Mariña, teremos un rastrillo popular solidario. Ese día ás 13:00 horas, na praza do Concello, actuará a Banda de Música de Foz, coa colaboración da Banda de Gaitas da A.C.Dambara”.

Toñi Eijo relatou que “o venres, día 4, que sería o fin de semana grande das festas, ás 20:00 horas, na praza da Mariña, haberá un concerto de rock da Escola de Música de Burela. O sábado, 5 de xuño, a partir das nove na praza do Concello, haberá a confección da alfombra floral e tamén pasarrúas a cargo de Mecánika e Dambara. Ese mesmo día ás nove da noite na igrexa parroquial de Santa María de Burela, haberá unha misa. O domingo, 6 de xuño, teremos pasarrúas a cargo da Banda de Santo Inocencio; ás doce, na igrexa parroquial de Santa María de Burela haberá misa e á unha da tarde, no barco museo Reina do Carme terá lugar a interpretación da Salve Mariñeira a cargo da Banda de Santo Inocencio. O luns, 7 de xuño, ás doce horas, na igrexa parroquial de Santa María de Burela haberá unha misa e ás doce e media na praza do Concello unha actuación dos Acordeonistas da Mariña. Finalmente o martes, día 8, ás doce do mediodía no porto terá lugar a ofrenda floral marítima”.

O concelleiro de Cultura, José Díaz, contou que “nestas festas patronais diferentes evidentemente, porque partimos do feito de que, por agora, non se permite a celebración de festas nin tampouco nos parece oportuno facer algo parecido, programamos estas pequenas cousas. Unha delas é a actuación do grupo Nostálxica que estará o día do pregón, o sábado 29, a partir das oito e media aproximadamente. É un grupo que fai versións de rock de cancións moi coñecidas tanto españolas como estranxeiras. Penso que vai estar moi entretido de ver. O aforo vai estar nas 178 persoas, é moi reducido, tal cal é o noso auditorio será unha redución importante. O formato, en principio, será por orde de chegada. A partir das sete e media abriranse as portas e ata completar o aforo. Outra das actuacións musicais que temos programadas, que tamén creo que é interesante, é a da Agrupación de Rock da Escola Municipal de Música de Burela. Xa tivemos algunha actuación súa o verán pasado e o anterior. É un grupo moi activo que nos ofrecerá o seu traballo na praza dá Mariña. Imos poñer cadeiras para que a xente póidase sentar, mantendo as distancias, poñeremos tamén unha mesa con xel hidroalcohólico e por suposto será obrigatorio o uso de máscara durante a actuación”.

O edil burelés engadiu que “tamén temos a colaboración de Dambara, que agradecemos, e tamén do grupo Santo Inocencio, que farán varias intervencións por Burela con pasacalles e tamén a Salve Mariñeira o domingo no barco museo. Ademais contamos coa presenza dunha das charangas, que creo que é a máis importante de Galicia e que máis gusta, que é a charanga Mecánika. Xa a tivemos na Feira do Bonito en dúas ocasións e repiten con outra actuación o sábado, que sería o día grande das festas, acompañando ao grupo Dambara, tanto ao mediodía entre as doce e as dúas e media, como á tarde a partir das sete. Será para animar un pouco as rúas e polo menos ter ese aspecto se non festivo polo menos diferente a calquera día normal. Esperamos que estas poucas cousas que se poden facer sexan do gusto dos nosos veciños e veciñas e que o ano que vén podamos retomar as festas co seu formato habitual”.

programa festas burela
0.17254495620728