Este sábado 14 de outubro os focegos elixirán o rei ou raíña do Entroido 2024
Este sábado 14 de outubro os focegos elixirán o rei ou raíña do Entroido 2024 nun evento que terá lugar na Sala Bahía a partir das 19.30 horas.
Así, son sete os candidatos que se postulan a dar relevo a Uxía Valmayor Forés e “todos demostran unha tremenda ilusión por representar o Entroido de Foz o vindeiro ano”, destaca a concelleira de Cultura, Inés López.
Estes sete candidatos son nomes coñecidos na vila de Foz pola súa participación activa no Entroido e case todos pertencen a algunha asociación vinculada a este. Os aspirantes son: Dérek Pérez Fernández, da comparsa Ruxe Ruxe; Carlota Fernández del Riego, da comparsa As Trouleiras; Coral Rey Oliveros, da comparsa Sin Xeito; Lucía López Lombardero, da comparsa Malo Será; Julio Villarino Neira -máis coñecido como O Yanki-, do grupo Vanche Galanas; Manuel Sanjurjo Rodríguez, da comparsa Os Macanudos de Barreiros; e María Díaz Villamor.
Durante a festa de elección haberá unha unha carpa na Sala Bahía e haberá servizo de barra, así como servizo de ceas a cargo de Espacio Machete e a festa estará amenizada polo DJ Alejandro Martínez.
O evento contará con xurado, que terá un peso do 40%, e con votación popular, o 60%. “Para votar no evento será necesario mercar as entradas que se venderán ese mesmo día a partir das 18:30 horas na propia Sala Bahía. Terán un prezo de 2 euros e os menores de 14 anos entrarán gratis”, explican desde a organización.
A apertura de portas será ás 19.30 horas e ás 20.00 horas dará comezo o acto, no que se desenvolverán unhas probas para coñecer mellor aos aspirantes. Unha vez rematado o público dispoñerá dun tempo para deliberar e votar a quen será o seu candidato/a a raíña ou rei do Entroido 2024 e posteriormente realizarase o reconto de votos. Ás doce e media da noite anunciarase o candidato elixido e continuará a festa.