Este mércores volve o teatro a Foz da man de Incendiaria e A quinta do Cuadrante
Este mércores hai unha cita teatral moi especial. Incendiaria e A quinta do Cuadrante achégannos A lúa vai encuberta, gañadora do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais e dos Premios María Casares 2022 á mellor adaptación (cun texto de Manuel María).
Un espectáculo arredor da realidade galega e a loita incesante por dar forma á nosa propia identidade, enfrontándonos ao noso pasado recente e as súas contradicións, revelando un discurso que hoxe en día está a ser, se non oculto, silenciado e que explica, dalgunha maneira, as razóns polas que o noso país hoxe ten os trazos políticos, sociais e económicos que o caracterizan.
Incendiaria e A Quinta do Cuadrante poñen en escena o texto de Manuel María como fonte imprescindible para, a través del, comprender as distintas formas sociais e políticas que nos conformaron como país e, por tanto, como persoas que o habitan.