Este luns comeza no casco histórico de Viveiro o sistema de recollida de lixo 'quita e pon'
O Concello de Viveiro lembra que este luns, día 18 de decembro, pola mañá serán retirados os colectores da vía pública no Casco Vello, poñendo en marcha un sistema de ‘quita e pon’ na recollida de lixo.
Manteranse as situacións actuais dos colectores e implantaranse catro lugares máis, situadas nas rúas Rosalía de Castro (dúas novas), Melitón Cortiñas, Constanza de Castro e Fonte de Area.
A colocación dos colectores realizarase a partir das 18:00 horas do luns de forma gradual en todo o casco.
Ademais dos colectores de fracción resto, que se colocarán os sete días da semana, situaranse en días alternos colectores para as recollidas selectivas da seguinte forma:
• Luns, mércores e venres: Recollida dos colectores de envases e orgánica.
• Martes, xoves e sábado: Colectores de papel/cartón.
En tódolos casos, os colectores serán colocados o día anterior e a recollida dos residuos comezará ás 06:00 horas.
O concello lembra ademais que a recollida de fracción orgánica se poñerá en marcha o mesmo día 18 e os colectores están xa situados en distintos puntos dos núcleos de Viveiro, Celeiro e Covas.
Os colectores para a recollida de fracción orgánica están pechados con chave. Para poder facer uso deles pódese recoller a chave, un cubo para depositar os residuos e bolsas compostables na oficina de atención ó cidadá, situada na rúa Teodoro Quirós Nº7.
“Animo á veciñanza a recoller o cubo e a participar na reciclaxe de materia orgánica”, afirma Míriam Bermúdez, tenente de alcaldesa e responsable da área de Medio Ambiente, que anuncia ademais “unha campaña de concienciación nas próximas datas para incentivar a participación”.
Ante estes importantes cambios no servizo de recollida, prégase a colaboración cidadá para evitar na medida do posible o depósito de residuos na rúa fóra do horario.